Establecementos de aloxamento e axencias de viaxe poden adherirse á nova edición do Bono Turístico da Xunta
O Diario Oficial de Galicia publicou os detalles da nova campaña do Bono Turístico da Xunta de Galicia coa apertura o sábado 29 de xuño do prazo para que as axencias de viaxes e establecementos de aloxamento interesados se adhiran a esta iniciativa. O vindeiro xoves 4 de xullo abrirase o prazo para que as persoas usuarias descarguen os bonos. Con esta iniciativa o Goberno autonómico busca promover as viaxes en Galicia durante este outono.
No caso das empresas poderán participar establecementos turísticos de aloxamento situados en Galicia que cumpran os requistos que se explican nas bases e axencias de viaxes, neste caso que teñan un centro de traballo na Comunidade autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia. Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria. O prazo de adhesión de establecementos comezaou o sábado 29 de xuño e estará aberto ata o 2 de decembro. Poderán facelo a través da páxina web www.bonoturismo.gal.
No caso das persoas usuarias, a descarga dos bonos activarase o vindeiro 4 de xullo desde as 9,00 horas a través da mesma páxina web. As persoas beneficiarias poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos.
O Goberno autonómico inviste este ano 1M€ coa previsión de movilizar no sector 2,5M€ durante o outono. Poranse en circulación máis de 16.000 bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€). Como novidade, cada persoa usuaria poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran.
A iniciativa -que naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego- está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector.
Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14M€: deles, durante a pandemia foron máis de 10M€ (5M€ co bono turístico sociosanitario e 5,8M€ no ano 2021), aos que se suman os 3M€ nos últimos dous anos.