Ciclo de vida: a remuda
Remuda no emprego autónomo
Na actualidade, case o 30% da poboación traballadora autónoma de Galicia sitúase por riba dos 55 anos, o que incide na necesidade de poñer en marcha un programa de remuda no emprego autónomo que permita aproveitar os esforzos realizados durante a etapa de consolidación da actividade por parte da persoa que se vai xubilar, ao tempo que se xeran oportunidades para novas persoas autónomas con maiores garantías.
Para aquelas persoas que se integren no programa, o seguimento do desenvolvemento do mesmo tamén poderá facerse a través das canles dispoñibles na zona privada da Oficina Virtual, poñendo ao seu alcance os diferentes servizos en liña e presenciais neste ámbito.
Obxectivo
O programa de remuda xeracional no emprego autónomo ten como obxectivo achegar unha batería de recursos de valor da Xunta de Galicia ás persoas autónomas que se xubilen e ás persoas mozas que as releven, composto por un conxunto de ferramentas de apoio (económicas, técnicas e persoais) que fagan máis doado e sinxelo todo o proceso.
A persoa que se xubila
Desde a perspectiva da persoa autónoma consolidada que se xubila, as principais avantaxes de participar no programa son as seguintes:
- Finaliza a súa vida laboral vendo a continuidade do seu negocio.
- Mantén atendida á súa clientela co nivel de calidade que desexa.
- Transmite os seus coñecementos a súa e experiencia á fronte do negocio á persoa que a vai relevar.
- Pode recuperar parte do valor do investimento realizado no seu negocio.
- Contribúe á estabilidade do emprego actual.
- Facilita a súa transición cara á xubilación.
- Asegura que a transmisión do negocio se realiza de xeito axeitado.
A persoa que releva
Desde a perspectiva da persoa que releva, as principais avantaxes de participar no programa son as seguintes:
- Reduce riscos e incerteza sobre a viabilidade e o éxito da actividade, apoiándose nun negocio consolidado que dá maiores garantías.
- Conta de inicio cunha carteira de clientes establecida, sendo máis doado o seu desenvolvemento.
- Dispón dunha visión adicional de apoio da persoa antecesora para iniciarse e para poder evolucionar o negocio cara as necesidades da clientela.
- Accede a servizos especializados que lle permiten unha maior proxección do negocio, con base nos estudos de mercado, nas técnicas e nas tendenzas máis actuais.