O Bono Emprega Automoción con axudas de ata 2.000€ por persoa para formación á carta pode solicitarse ata o 1 de outubro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os apoios deste programa nos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 3M€ cada exercicio en incentivos ás compañías para formar á carta a 1.500 persoas traballadoras cada ano.
A iniciativa enmárcase no programa da Xunta que busca atender as necesidades da industria do automóbil axustando a cualificación aos perfís profesionais que nacen coas novas tecnoloxías e o plan inclúe, ademais das axudas deste bono, outras dúas liñas de actuación: as Unidades Formativas e os cursos para persoas desempregadas.
O programa de axudas do bono Emprega Automoción é un novo programa dirixido a persoas ocupadas co que a Xunta apoia a formación á carta nas empresas do sector. O Goberno galego con esta iniciativa financiará o 50% da cualificación ata 2.000 euros por persoa. Do que se trata é de mellorar as capacidades das persoas traballadoras, o que permitirá ás compañías ser máis competitivas. O investimento previsto é de 3 millóns de euros ao ano para formar a 1.500 persoas cada exercicio. O prazo de solicitude, aberto desde mañá, rematará o 1 de outubro.
Esta actuación forma parte dun programa máis amplo, Emprega Automoción, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca atender as necesidades dun sector que está en auxe en Galicia apoiando a formación a medida para dar resposta aos novos perfís profesionais que nacen da man das novas tecnoloxías. Este plan inclúe, ademais das axudas do bono, outras dúas liñas de actuación: as Unidades Formativas e os cursos de formación para desempregados (AFD).
En global, impúlsase a través deste plan a creación de emprego de calidade para o que se investirán 20 millóns de euros ata 2020 para formar a 9.000 persoas.
Para as Unidades Formativas, tanto para persoas desempregadas como ocupadoa, destinaranse 1,5 millóns de euros anuais para capacitar a 1.000 persoas -tamén cada anualidade- a través do desenvolvemento de 200 cursos ata 2020. Esta iniciativa permite ás empresas que elixan e impartan a formación, que será financiada ao 100% pola Xunta. No caso de personas desempregadas, as firmas teñen que adquirir un compromiso mínimo de contratación do 40% do alumnado que se cualifique. Se a compañía supera ese mínimo, a Xunta incentiva a contratación con apoios que oscilan entre os 7.000 e 16.000 euros.
O terceiro eixo de Emprega Automoción, os cursos de formación para persoas desempregadas (AFD), inclúe un orzamento de 2 millóns de euros ao ano para formar a 500 persoas cada anualidade a través de 100 cursos en 3 anos. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia accións que estean principalmente relacionadas coa Industria 4.0 e o uso das novas tecnoloxías. A cualificación que se imparte por medio desta actuación é homologada con certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado. Son axudas ás que poden acceder entidades titulares de centros formativos e aquelas acreditadas para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral de Galicia: empresas, asociacións sen ánimo de lucro e concellos.