Preto de 900 persoas traballadoras fórmanse en comercio electrónico a través do programa da Xunta 'Autónomos Dixitais'
A directora de Formación e Colocación, Zeltia Lado, informou sobre a iniciativa autonómica dirixida a brindar ás persoas autónomas os coñecementos precisos para reactivar os seus negocios.
Un comercio máis accesible, dixitalizado e con oportunidades para a reactivación económica das autónomas e autónomos son os eixos sobre os que xiran os cursos de formación do programa Autónomos Dixitais da Xunta no que están a participar na actualidade preto de 900 persoas.
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe nun webinario en Santiago de Compostela no que ofreceu información sobre esta iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade, coa que se pretende facilitar a un total de 1.125 autónomos e autónomas os coñecementos precisos para reactivar os seus negocios nun contexto onde, por mor da pandemia, moitos establecementos puideron sobrevivir á coxuntura económica grazas ao comercio en liña.
A directora xeral explicou que este programa consta dun curso de iniciación, Fundamentos para crear un proxecto e-commerce, de 50 horas de duración, e outro curso de Especialista en e-commerce, tamén de 50 horas de sesións. Ambos son cursos dixitais onde se pode recibir a formación a distancia, facilitando deste xeito o seu acceso e, tamén, a debida conciliación das persoas interesadas. Do que se trata é de ofrecer formación en comercio dixital a aqueles autónomos que vaian iniciar a súa actividade económica ou de por a súa disposición unha nova ferramenta a todos aqueles que queiran dar unha segunda oportunidade a súa situación laboral.
A segunda edición de Autónomos Dixitais foi presentada en maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con catro perfís aos que vai dirixida: mulleres; colectivo emprendedor entre persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos. Cada perfil consta dos dous cursos gratuítos en formato dixital.
“O noso obxectivo é acercar solucións e ferramentas de formación efectivas, que permitan dar unha resposta ás necesidades inmediatas, e ofrecer unha formación sen fronteiras que permita ter unha visión global do mercado”, apuntou Lado.
A formación continua e a capacitación laboral son dúas vías de traballo nas que incide deste xeito o Executivo galego, cunha aposta dobre na que cabe o comercio presencial, no cal se quere coidar e incentivar a compra, recalcou Lado, mais tamén cunha clara vocación de dotar ás novas e novos autónomos dunha ventá dixital para poder reemprender ou impulsar o seu negocio, colocando así, declarou Lago, “as persoas” no centro das políticas de emprego en Galicia.