A Xunta participa na presentación da nova edición do 'Maker Faire Galicia' dentro da aposta estratéxica en prol do emprendremento e a remuda xeracional

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora da Oficina Económica de Galicia, Natalia Barros, participou na presentación da undécima edición da Maker Faire Galicia que se desenvolverá na capital galega ao longo deste ano. Durante o encontro, déronse a coñecer as principais novidades desta edición que contará con tres xornadas temáticas —14 de xuño, 31 de outubro e 21 de novembro—, co apoio da Xunta.

Fernández destacou a traxectoria do encontro Maker Faire Galicia coma un dos eventos de referencia en innovación, creatividade e tecnoloxía a nivel estatal e europeo, facendo fincapé nas xornadas programadas sobre emprendemento e remuda xeracional que —co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— buscan por unha banda, mostrar aos visitantes unha gran variedade de proxectos emprendedores que lles poidan servir de inspiración e, por outra, poñer en valor os oficios tradicionais e a transmisión de saberes aos máis novos.

Neste senso, o secretario xeral lembrou o labor de asesoramento da Rede de polos de emprendemento, que con 15 oficinas repartidas por toda Galicia e máis de 4.100 proxectos atendidos, asesora de balde a quen desexe emprender na comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse. Tamén fixo mención ao Bono Remuda, que dentro da orde unificada de autónomos —aberta ata o 30 de setembro— e cun orzamento de máis de 1,2 M€ busca facilitar a transmisión de negocios rendibles para favorecer a vertebración do territorio con achegas para quen asume a empresa como tamén para quen traspasa por xubilación.


Máis información