A Xunta activará en novembro un plan de formación para o sector servizos no marco do Xacobeo para mellorar a formación dixital de 4.000 profesionais
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou no oitavo encontro do programa Xacobeo Peregrinas, celebrado onte no Parador da Costa da Morte en Muxía nun acto no que estivo acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
A iniciativa pon en comunión a experiencia nos camiños de Santiago coa de mulleres pioneiras referentes nos seus respectivos ámbitos de traballo. Como Xacobeo Peregrinas, a conselleira aproveitou a ocasión para poñer en valor iniciativas que o seu departamento ten activas e que vencellan as rutas xacobeas co apoio a persoas traballadoras autónomas e á economía social, coa formación de persoas mozas en competencias dixitais ou co emprendemento feminino.
No marco do Xacobeo, a Xunta desenvolverá en novembro un plan específico de formación dirixida a que 4.000 profesionais do sector servizos melloren a súa cualificación dixital.
“O Camiño sempre vencellou culturas e historias de vida, e serviu de canle e transmisor de valores que van desde o plano individual (como a curiosidade e ganas de aprender, o afán de superación dun mesmo ou a humildade) ata o plano colectivo (con valores como a tolerancia, a empatía, a xenerosidade, a solidariedade ou a cooperación)”, remarcou a conselleira durante a súa intervención.
Estes valores, tal e como destacou, resultan imprescindibles tamén no mercado laboral e o emprego, cun tecido empresarial que a Xunta está a impulsar “desde un enfoque que garanta o maior benestar posible para os traballadores e traballadoras galegas”. A conselleira avogou polas competencias transversais como as que integran programas formativos do seu departamento vencellados coas rutas xacobeas.
Así naceu Camiño Emprendedor, que busca impulsar a iniciativa empresarial e a optimización das desenvolvidas por persoas traballadoras autónomas e no eido da economía social. Emprega o percorrido polas etapas do camiño con dinámicas de mentoring. O Camiño á empregabilidade, para a cualificación en comunicación activa e ferramentas TIC para menores de 30 anos, inclúe a ruta como broche á experiencia formativa. EncamiñaRSE é outro dos programas que conxuga o percorrido coa mellora dos negocios de mulleres emprendedoras beneficiarias do programa Emega.
Formación no marco do Xacobeo
A Xunta está a promover a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego, que se lanzará o próximo 9 de novembro na Coruña e que terá en conta as necesidades formativas do sector turístico e do comercio presentes no Camiño de Santiago. Lorenzana apuntou que aspira a se converter nun “gran pacto polas capacidades para o emprego para mellorar a cualificación profesional da cidadanía, a súa empregabilidade e promoción profesional e, ao mesmo tempo, a consolidación e crecemento do tecido empresarial da nosa comunidade”.
Coa suma de esforzos -tanto de carácter público como privado- permitirá definir a oferta formativa necesaria para afrontar con éxito os retos presentes e futuros da contorna socioeconómica de Galicia. “O sector turístico e o comercio, fundamentais no Camiño de Santiago, estarán presentes nos grupos de traballo que se conformarán no seo desta Axenda”, enfatizou.
En novembro, especificou, impartirase formación complementaria para o sector servizos no marco do Xacobeo. Cun investimento de 4 millóns de euros pretender mellorar a cualificación profesional vinculada á nova era dixital dunhas 4.000 persoas traballadoras do sector.
Na mesma liña, a representante da Xunta apuntou que os orzamentos para o ano 2022, reflicten unha suba “sen precedentes destinada á formación para o emprego dun 53,5%”, serán, cuantificou, 64,2 millóns de euros máis que o ano anterior.