Día Europeo pola Igualdade Salarial entre Mulleres e Homes
A Consellería de Emprego e Igualdade conmemorou onte o Día Europeo pola Igualdade Salarial entre Mulleres e Homes cun evento no que participaron a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, representantes sindicais, da universidade e de colectivos profesionais, e no que se contou coa presenza de empresas galegas que expuxeron as súas boas prácticas para romper cas discriminacións por razón de xénero:
- Coruñesa de etiquetas SL (CORETI). A Coruña.
- Bodegas Martin Codax SAU. Pontevedra.
- Hermanos Toimil García SL (GRUAS TOIMIL). Pontevedra.
As Nacións Unidas e outras das súas organizacións vinculadas organizan diversas datas ao longo do ano para sensibilizar á poboación en xeral sobre algunha problemática existente. O 22 de febreiro, é o día marcado no calendario, para reivindicar a igualdade salarial de mulleres e homes co Día Internacional da Igualdade Salarial.
Todos os países a nivel mundial teñen unha característica común: ás mulleres págaselles menos que aos homes. As Nacións Unidas estiman que a fenda salarial de xénero é do 23% a nivel internacional.
Por esa razón, as axencias ONU Mujeres e a Organización Internacional do Traballo (OIT), convidan os Estados Membros e a sociedade civil, as organizacións de mulleres e comunitarias e os grupos feministas, así como ás empresas e as organizacións de traballadores e empregadores, a promover a igualdade de remuneración xa que é unha meta fundamental para os dereitos humanos e a igualdade de xénero.
En España, a petición da Comisión de Igualdade do Senado (aprobada polo Consello de Ministros en Acordo do 26/2/2010) e a Secretaría de Estado de Igualdade, a través do Instituto da Muller, celébrase cada ano o 22 de febreiro como o Día da Igualdade Salarial.