A Xunta abre o prazo de adhesión para os negocios que desexen sumarse á campaña dos Bonos Activa Comercio 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que abre a partir do 20 de maio o prazo de adhesión dos establecementos comerciais para a iniciativa dos Bonos activa comercio. Como principal novidade, este ano o Goberno galego fixa que os establecementos que se queiran sumar a partir deste martes á campaña o poidan facer unha única vez para as diferentes edicións de 2025, continuando así coa liña de simplificación administrativa marcada polo Executivo autónomico.

Tras o éxito acadado nas anteriores convocatorias, a Xunta impulsará de novo este ano os Bonos activa comercio, de xeito coordinado co sector e cun crédito inicial de 5 millóns de euros. O obxectivo é seguir incentivando a demanda comercial e axudando economicamente ás persoas consumidoras, ao tempo que se fomentan as compras nos establecementos comerciais retallistas participantes.

A apertura do prazo de adhesión dos negocios é o paso previo antes da súa activación á cidadanía, cuxos prazos se establecerán nas correspondentes ordes de cada unha das edicións do programa. Como vén sendo habitual, os bonos estarán dispoñibles en formato dixital na web do Programa.

Só en 2024, o Goberno galego destinou a esta iniciativa 7,5 millóns de euros en descontos a través de 600.000 transaccións comerciais, que no conxunto das catro provincias galegas mobilizaron arredor de 34 millóns de euros nos máis de 7.500 comercios adheridos.

Esta medida consolidada súmase ás máis de 70 actuacións a prol da visibilidade, a competitividade e a gobernanza do comercio de proximidade que se recollen no novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta estratéxica dotada con máis de 320 millóns de euros para reforzar un dos sectores clave da economía galega.

Na planificación tamén se inclúen accións pioneiras de comercio de atracción como a aposta pola recuperación de contornas comerciais urbanas de localidades senlleiras a través do proxecto singular Vilas vivas, ou Prato de mercado, que promoverá sinerxías entre as prazas de abastos e os restaurantes das súas contornas. Ademais, contémplanse medidas específicas orientadas á remuda xeracional e á conexión coa mocidade, como a recente campaña Localízate, deseñada para que a rapazada de entre 12 e 16 anos xere vencellos de valor co comercio de proximidade.


Publicación DOG

Bonos Activa Comercio