A Xunta adiantará a persoas autónomas e empresas o 100% das axudas do terceiro Plan de Rescate por medio dunha declaración responsable
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe novos encontros virtuais desde Santiago de Compostela cos integrantes do Diálogo Social -Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UXT e CCOO- e coa Mesa do Emprego Autónomo para terminar de consensuar as bases do 3º Plan de Rescate que a Xunta porá en marcha cos 234 millóns de euros comprometidos polo Estado para Galicia.
Lorenzana anunciou aos interlocutores sociais e empresariais a dobre intención do Goberno galego de reservar cartos para que as axudas cheguen aos negocios mais afectados pola pandemia, e que os importes vaian en consonancia coa perda de facturación e o número de persoas empregadas, como se fixo nos dous plans de rescate anteriores desenvolvidos pola Xunta.
Tal e como lembrou a titular de Emprego, o 97% do tecido empresarial galego está conformado por persoas traballadoras autónomos e microempresas. “Imos tentar modular o importe das axudas para que chegue ao maior número posible e non queden prexudicados no reparto os negocios mais pequenos”, especificou Lorenzana.
“Queremos reservar crédito para os autónomos, microempresas e negocios con ata 25 traballadores,”, especificou a conselleira. Na mesma liña indicou que se traballará “para poder axustar as axudas con máis cartos canta maior perda de facturación teñan rexistrado os negocios e canto maior sexa o número de persoas traballadoras contratadas”.
Unha vez máis a conselleira recalcou que os 234 millóns concedidos a Galicia son escasos. Trátase do 4% dos 5.000 millóns que o Goberno central reparte “con criterios dubidosos” entre as comunidades peninsulares, indicou, cando “nos fondos de emprego vimos recibindo un 8%”.
O 3º plan de rescate galego ampliará as axudas a todos os sectores de actividade económica que teñan sido afectados pola crise, facendo uso da flexibilidade que o Estado deixou finalmente ás Comunidades Autónomas tras limitar os pagos a sectores concretos.
Anticipos das axudas
María Jesús Lorenzana, por outra banda, adiantou hoxe que para axilizar a inxección de liquidez ao empresariado galego, a Xunta adiantará o 100% da axuda mediante a presentación dunha declaración responsable por parte dos solicitantes, tal e como xa se fixo nos dous plans de rescate realizados ata agora con fondo autonómicos.
“Estamos nun momento de extraordinaria dificultade e temos que seguir rescatando os sectores coa vista posta na saída da crise, tentando manter todos os negocios posibles para preservar o emprego”, concluíu.
A conselleira, por último, remarcou o carácter “consensuado” que ao igual que os anteriores plans terá este 3º rescate. “Non queremos un 3º plan de rescate deseñado unilateralmente, son os axentes sociais e económicos quen coñecen os sectores e os que nos trasladan criterios que funcionan”, aseverou.
Acordo sobre os criterios de reparto
As reunións con diálogo social e asociacións representates das persoas traballadoras autónomas remataron co acordo sobre os criterios de reparto dos 234 millóns de euros que o Estado transfirirá a Galicia para o terceiro Plan de Rescate:
- Pago do 100% do importe da axuda no momento da solicitude presentando unha declaración responsable de que se cumpren os requisitos.
- Reserva de 200 millóns de euros para persoas autónomas e empresas ata 25 persoas traballadoras afectadas pola crise, para garantir o acceso ás axudas do 97% do tecido produtivo de Galicia.
- Ampliación dos sectores económicos beneficiarios das axudas de xeito que poden acceder ás mesmas, ademais das empresas que están nos códigos de actividade do Real Decreto-lei Estatal, calquera outra empresa que poida acreditar unha baixada de facturación entre o exercicio 2019 e 2020 que supere o 40%.