Lorenzana: “os cambios anunciados polo Goberno flexibilizan algún dos requisitos para a concesión das axudas directas, pero non todos os solicitados”
A conselleira de Emprego lembra que “o cambio de postura chega despois de sete meses de presión social e política por parte dos gobernos autonómicos e dos empresarios e autónomos”
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou esta mañá os cambios anunciados onte polo Consello de Ministros no programa de axudas á solvencia empresarial, financiado polo Estado e executado polas comunidades autónomas.
A conselleira, que participou en Sanxenxo no congreso da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE), afirmou que “o que está claro é que este cambio de postura chega despois de sete meses de presión social e política por parte dos gobernos autonómicos e dos empresarios e autónomos”.
Para a conselleira, trátase en todo caso dunha modificación “limitada posto que se flexibiliza algún dos requisitos pero non todos os solicitados, sobre todo porque se mantén a obriga de que as axudas se destinen ao pago de débedas”.
A Xunta de Galicia, ao igual que as organizacións empresariais e de autónomos e un número importante de autonomías, ven reclamando dende o pasado mes de marzo que se modifiquen as condicións tan complexas e ríxidas que se impoñen para acceder ás axudas, eliminando que as mesmas teñan que destinarse ao pago de débedas e mantendo como requisito suficiente a xustificación da caída do volume de facturación por mor da pandemia. A propia conselleira enviou no mes de xullo dúas cartas ao Goberno central reclamando cambios nesta liña, sen recibir resposta.
Lorenzana lembrou que nos dous plans de rescate anteriores, que se levaron a cabo cos fondos da Xunta de Galicia, presentáronse mais de 80.000 solicitudes e supuxeron mais de 180 millóns de euros en axudas.
O terceiro plan de rescate, financiado cos fondos do Estado asignados a Galicia, un total de 234 millóns de euros, tan só leva rexistradas a día de hoxe 5.400 solicitudes, que representan o 35% do orzamento total.
A conselleira de Emprego e Igualdade comprometeuse a utilizar toda a marxe de manobra que permitan os novos criterios “para que os 234 millóns de euros se queden en Galicia e non se perda ningún recurso destinado a autónomos e empresarios”.