A Xunta destinará máis de 34 millóns de euros en 2022 para axudar ás persoas traballadoras autónomas no inicio e a consolidación dos seus negocios
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo balance “claramente positivo” do programa Mentoring Traballo Autónomo.
En relación co mesmo destacou que máis do 97% das persoas autónomas participantes valorárona como moi útil ou bastante útil e máis do 85% subliñaron que esta experiencia mellorará a súa empresa ou actividade profesional nas áreas apoiadas polas persoas mentoras asignadas.
O programa para persoas traballadoras autónomas, que o ano pasado se iniciou como proxecto piloto, experimentou nesta segunda edición melloras para adaptar a experiencia formativa ás novas necesidades e demandas emerxentes. “Estou a falar, por exemplo, do incremento no número de mentores con perfís en marketing dixital, vendas, e-commerce e transformación dixital ou, tamén, da potenciación dos contactos profesionais para o incremento das posibilidades comerciais entre os participantes”, remarcou a conselleira, quen lembrou que Galicia está a ser comunidade referente en mentoring experiencial.
O obxectivo co que traballa a Xunta é que en vindeiras edicións se inclúan novos enfoques e se identifiquen de xeito preciso as tendencias do mercado de traballo, para que “os nosos autónomos e autónomas poidan adaptarse e adiantarse aos diferentes escenarios de futuro”, subliñou a titular de Emprego e Igualdade. A Xunta apoia a fórmula do mentoring como ferramenta útil e necesaria nos procesos de consolidación e crecemento do emprego autónomo, e que se cimenta na confianza mutua entre mentor e beneficiario. “Trátase dun xeito de entender a formación, que demostrou un impacto multiplicador que vai moito máis aló da simbiose dual da mentoría”, indicou María Jesús Lorenzana. “O mentoring multiplica moito máis o talento, xerando unha Galicia máis produtiva, máis capacitada e cun emprendemento á vangarda”, engadiu.
O Programa de Mentoring forma parte das múltiples liñas de apoio que a Xunta de Galicia pon á dispor das persoas traballadoras autónomas da nosa comunidade. Nese sentido, o Goberno galego seguirá a respaldar a este colectivo profesional en 2022 con apoios por valor de máis de 34 millóns nos orzamentos da Xunta en torno a dous eixos principais: axudar no inicio da súa actividade con programas como o de Promoción do Emprego Autónomo (12M€) e apoiar, por outra banda, a continuidade, consolidación e crecemento do emprego autónomo, como fai o Programa de Mentoring, cun investimento de 250.000 euros.
Tal e como relatou Lorenzana, en 2022 activaranse novas liñas para abordar o cambio tecnolóxico e a transformación dixital entre o colectivo, co novo programa Empresa Dixital, cun millón de euros de orzamento. Lembrou ademais que a principios de xaneiro activarase a sexta edición do denominado Bono Autónomo que no novo ano contará con 8 millóns de euros (+45,5% que en 2021) e permitirá apoiar, con ata 3.000 euros, servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade dos negocios duns 3.200 traballadores galegos por conta propia.