A EOI pon en marcha o programa “Activa Startups” que ofrece ás pemes axudas de 40.000 euros para mellorar a súa innovación
O Ministerio de Industria, Comercio y Turismo acaba de publicar no BOE a orde coas bases que regularán a concesión de axudas do programa “Activa Startups” por importe de ata 40.000 euros dirixidas a impulsar a innovación en pemes.
O obxectivo deste programa é o desenvolvemento de proxectos de colaboración entre pemes e startups, que sirvan para impulsar o seu crecemento empresarial. As axudas, en forma de subvención, permitirán ás empresas facer fronte aos custos derivados do proceso de innovación.
A encargada de xestionar o investimento previsto nas distintas convocatorias será a Fundación da Escola de Organización Industrial (EOI), ascendendo aquel a 44 millóns de euros procedente do fondo do mecanismo de Recuperación e Resiliencia e teñen un obxectivo de apoiar a 11.100 pemes antes do fin de 2023.
As actuacións susceptibles de financiamento serán proxectos de innovación en materia de transformación dixital, desenvolvemento e incorporación de tecnoloxías emerxentes, transformación cara a unha economía baixa en carbono ou incorporación da economía circular no modelo de negocio da peme.
As tipoloxías de actuación poderán ser calquera das seguintes:
a) Proxectos para a xeración de innovación a través da resolución de retos tecnolóxicos de empresas, sectores, cidades e/ou misións que sirvan para romper brechas sociais, xeracionais e territoriais.
b) Actuacións de asesoramento en materia de innovación no ámbito tecnolóxico, co obxectivo de dar resposta a retos expostos en empresas que buscan a innovación aberta mediante solucións baseadas en tecnoloxías disruptivas.
c) Actuacións encamiñadas a adquirir novos coñecementos e aptitudes que poidan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes.
d) Actuacións de demostración, adaptación e personalización de diversas tecnoloxías, probas e experimentación con tecnoloxías dixitais, transferencia de coñecementos e tecnoloxía, test de validación, probas de concepto, produción de prototipos etc.
Esta convocatoria de axudas está contemplada dentro do Programa de Capacidades para o Crecemento da PEME do Compoñente 13 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que ten unha dotación global de 101 millóns de euros ata decembro de 2023.
Cada convocatoria regulará o ámbito xeográfico de aplicación concreto destas axudas nas que se prevé a participación das comunidades autónomas co obxectivo de impulsar a execución nas distintas rexións.