A Xunta dá conta na mesa do emprego autónomo dos 86 M€ convocados este ano para apoiar o inicio de actividade por conta propia e o emprendemento
A conselleira en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou xunto co secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, nunha nova xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo para facer balance do estado das convocatorias de axuda lanzadas pola Xunta neste inicio de ano en favor do emprendemento e do traballo por conta propia e informar sobre o programa de remuda de negocios estreado este 2024.
A Administración autonómica activou desde xaneiro un total de 86 dos máis de 100 millóns de euros que están orzamentados este ano para apoiar a iniciativa emprendedora e o traballo por parte dos autónomos.
Galicia segue a situarse neste inicio de ano (datos xaneiro 2024) como primeira comunidade en número de axudas ao emprego con 26 publicadas e líder no investimento por poboación parada, que acada os 847 euros no primeiro mes.
Tal e como destacaron os representantes autonómicos ante os interlocutores do traballo autónomo en Galicia -APE Galicia, ATA Galicia e UPTA-Agtamar- a Xunta seguirá a apostar pola xeración de riqueza e emprego, por iso ten convocadas axudas e programas de apoio non só a persoas traballadoras por conta propia, senón tamén ás iniciativas de economía social ou para fomentar a contratación de colectivos vulnerables.
Entre outros exemplos, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade activou as achegas da denominada cota cero, unha iniciativa novidosa que permite cubrir ao 100% a cota reducida das novas persoas autónomas durante os 12 primeiros meses de actividade. Estas achegas, sumadas ás destinadas a dar cobertura aos primeiros gastos de inicio do negocio, fan un total de 29 millóns de orzamento.
O Goberno galego abriu tamén axudas para o emprendemento, para a creación e consolidación de entidades de economía social e de impulso ao emprego inclusivo.
Tal e como se trasladou ao sector, a Xunta quere unificar na nova Lexislatura todas as axudas a persoas autónomas e emprendedoras para axilizar a súa tramitación e resolución. Tamén avogará por fomentar a presenza feminina en profesións fortemente masculinizadas e por favorecer o arraigamento a través do emprego dos inmigrantes, para que poidan regularizar a súa situación.
Na xuntanza da Mesa deuse conta, por outra banda, do impulso que a Consellería quere dar á remuda de negocios sen relevo xeracional. Aínda que a orde de axudas específica estase a deseñar no marco da Mesa do Traballo Autónomo, atópase xa activa a páxina web da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego cos negocios en remuda identificados e aberta a quen queira transmitir a súa empresa ou para as persoas que buscan acceder a un negocio en traslado.