Nova modificación das bases reguladoras do KIT Digital promovido polo Estado
O Goberno do Estado ampliou novamente o programa de axudas para a dixitalización de pemes 'kit digital' para que poidan acceder medianas empresas de ata 250 persoas traballadoras, segundo recolle unha o Orde Ministerial publicada no BOE.
Deste xeito, engádense dous novos segmentos de empresas beneficiarias para completar o abano, ata o total das medianas empresas:
- o segmento IV, para empresas de entre 50 e 100 persoas traballadoras, que achega a posibilidade de contratación de servizos de asesoramento en transformación dixital ata un máximo de 18.000 euros,
- o segmento V, para empresas de entre 100 e 250 persoas empregadas, que poderán contratar servizos de asesoramento en transformación dixital ata os 24.000 euros.
Ademais, esta nova modificación (esta é a terceira das modificacións publicadas) amplía o importe máximo da axuda á que poden acceder as empresas de ata tres persoas traballadoras (segmento III), que pasa de 2.000 a 3.000 euros, e permítese ás microempresas que xa recibisen os fondos incrementalos ata o novo máximo.
Adicionalmente, a Orde Ministerial engade solucións de dixitalización susceptibles de axuda para adaptalas ás necesidades das empresas medianas: servizo de ciberseguridade xestionada, xestión de clientes con intelixencia artificial, 'business intelligence' e xestión de procesos con intelixencia artificial.
Ao mesmo tempo, inclúese no catálogo de opcións das empresas de ata tres persoas traballadoras a posibilidade de subvencionar un servizo denominado posto de traballo seguro, co que se busca favorecer a automatización de tarefas e a xestión eficiente dos datos e regula tamén o programa de asesoramento dixital para pemes 'Kit Consulting'.