As axudas do Igape para pemes e persoas autónomas estarán dispoñibles xa desde xaneiro, con case 173 M€

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que, “por primeira vez na historia”, a Xunta de Galicia convocará na primeira quincena de xaneiro a maior parte das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para pemes e persoas traballadoras autónomas, co obxectivo de facilitarlles que poidan planificar con antelación as súas necesidades de financiamento e coñecer os apoios públicos dos que van dispoñer.

Segundo indicou, son un total de 15 liñas de axuda que suman 172,6 M€ que sairán publicadas nos Diarios Oficiais de Galicia dos vindeiros días 13 e 14 de xaneiro, que van ser fundamentalmente de carácter económico. Beneficiaranse delas milleiros de empresas galegas, que poderán solicitalas este mesmo mes. “Queremos dar unha maior marxe de planificación ás pemes e aos autónomos concentrando todas esas axudas en dous diarios consecutivos, o cal facilita a súa consulta e o seu coñecemento, e mesmo a localización da normativa reguladora de cada axuda”, explicou Lorenzana.

En concreto, as liñas que sairán publicadas proximamente divídense en tres bloques:

Por un lado, as relativas a financiamento, que suman 110 M€. Son as de acceso ao crédito (19 M€); os préstamos directos (50 M€); os préstamos para grandes empresas (37 M€); e as novacións das débedas de Igape (4 M€). Lorenzana salientou a flexibilidade nos préstamos, tanto nos períodos de amortización e carencia como na baixada dos xuros, que poden chegar ao cero por cento. E, por modalidades, sinalou como dúas novidades importantes os préstamos para concentración empresarial e os de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación en pemes.

No bloque de competitividade, que ascende a 47,3 M€, destacan, por importe, as axudas para a atracción de empresas (12 M€); convocarase tamén a segunda edición dos apoios a startups (1,5 M€); os de obradoiros multidisciplinares para pemes (1 M€); para equipamento e investimentos xerais (10 M€); transformación dixital (3 M€); os apoios aos clústeres (3 M€); o programa ReAcciona (2,8 M€); e a liña para os provedores da automoción (14 M€).

No que respecta ao eido da innovación, que suma 15,2 M€, sairán publicadas nos vindeiros días o novo Ticket Innova (1 M€), a liña para a implantación da Intelixencia Artificial IA360 nas pemes (10,2 M€), que se convoca como novidade por primeira vez, e o Igape Innova (4 M€). Neste punto, Lorenzana puxo en valor a posta en marcha, por primeira vez, dunha área específica de innovación empresarial no Igape.

De todo este montante de 172,6 M€, un total de 83,5 M€ proceden de fondos propios (case o 50%) e os restantes son Fondos FEDER, procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e do Fondo de Transición Xusta. A isto hai que sumarlle as axudas para internacionalización, que serán convocadas no primeiro trimestre do ano.

Lorenzana asegurou que esta forma de proceder vai en liña co obxectivo de simplificación administrativa, desburocratización e aceleración das tramitacións porque a Administración, dixo, “nunca pode ser un estorbo”. “Polo tanto, axilización, na primeira semana de xaneiro e simplificación en dous DOG concretos”, remarcou.