Modernizar o negocio

A opción de modernizar o teu negocio sempre é unha decisión arriscada na medida en que representa un cambio sobre o que a clientela está afeita a ver e recibir e, como todo cambio, é unha incógnita cal será o resultado: valorará a clientela positivamente as novidades? Acadarase a mellora prevista nos resultados? Suporá una avance na dirección axeitada?

Para  dar resposta a estas e outras dúbidas que xurdirán durante o proceso de modernización, así como para acompañarche ao longo do mesmo e axudarche a centrarte no teu traballo, a Xunta de Galicia e outras administracións poñen a túa disposición distintas axudas para facilitarche o proceso.

Accede a todas as axudas en vigor para abordar a modernización que precisas

Dende a oficina do autónomo facilitamos a túa busca de apoios

Ademais, pola súa relevancia e interese, o apoio da Xunta de Galicia se concentra fundamentalmente a través do IGAPE nos seguintes servizos:

Servizos Re-Acciona

Unha vía fundamental de modernización para as persoas traballadoras autónomas son os Servizos Re-acciona definidos polo IGAPE, coa finalidade de mellorar a súa profesionalización nunha determinada área estratéxica ou operativa.

Como persoa traballadora autónoma poderás acceder a estes servizos en idénticas condicións que as microempresas, contando desde o comezo do servizo cuns obxectivos a acadar que se farán tanxibles ao rematar o servizo, sendo consciente así do que podes esperar coa súa posta en marcha.

Estes servizos desenvólvense de xeito conxunto e guiado por unha entidade colaboradora do Igape, que en todo momento estará á túa disposición durante a duración do servizo de mellora combinando estas accións cunha formación que resulta clave para conseguir os resultados planificados.

Os servizos Re-acciona céntranse en tres ámbitos:

  • Por unha banda no análise e avaliación competitiva, con servizos como a análise de potencial competitivo e primeiras accións de mellora, mellora da xestión financeira ou asesoramento para o financiamento da innovación.
  • Tamén no ámbito da optimización e mellora competitiva, con servizos como o de desenvolvemento estratéxico integral da empresa, o asesoramento en relanzamento comercial ou na consultaría modular para a captación e retención do talento.
  • E por outra banda na área das estratexias de competitividade avanzada, con servizos como a optimización dos procesos de produción e da cadena loxística ou asesoramento para o financiamento da innovación, entre outros.

Se algún deles é do teu interese, consulta neste enlace á web do IGAPE toda a información actualizada sobre os servizos Re-acciona, e comproba se neste momento hai convocatorias abertas ou para cando están previstas; ou fai a túa consulta a través do persoal especializado da rede de persoal técnico.

En todo caso, contas tamén co apoio da Oficina económica de Galicia, como punto centralizado para axudar as empresas e persoas autónomas con servizos de información, atención, asesoramento ou soporte individualizado.

Dúbidas e suxestións

Se tes algunha dúbida sobre estes servizos ou algunha suxestión ao respecto, contacta connosco a través deste formulario.