A Xunta o 1º Plan de Formación para o sector servizos co que impulsará no Xacobeo a cualificación de 4.000 persoas traballadoras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de recoller o primeiro Plan de formación específico para o sector servizos co que impulsará ao longo do Xacobeo a cualificación de 4.000 persoas traballadoras co fin de mellorar as súas capacidades e adaptalas á nova era dixital.

Os apoios, que se poden solicitar ata o próximo 24 de setembro, ambos inclusive, diríxense ás entidades que sexan titulares de centros acreditados ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego para aquelas especialidades nas que se solicite o impulso, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

A Consellería de Emprego e Igualdade destina a esta iniciativa, que se desenvolverá entre 2021 e 2022 e arrancará no mes de novembro, un total de catro millóns de euros.

Os cursos de formación están dirixidos principalmente a persoas traballadoras ocupadas, aínda que se admite a posibilidade de que participen persoas sen emprego, ata un 30% do cupo total. Inclúense nas persoas beneficiarias destas accións formativas as persoas traballadoras afectadas por un expediente temporal de regulamento de emprego (ERTE) ou por un expediente de regulamento de emprego (ERE), así como os socios de empresas de economía social e persoas traballadoras por conta propia. Así mesmo, poténciase a realización de accións formativas dirixidas a persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida.

A Xunta, a través deste Plan, impulsa a teleformación a través do novo Campus Virtual para facilitar o acceso á cualificación do alumnado e, así mesmo, garántese, no caso dos cursos que se impartan de xeito presencial, a saúde dos participantes.

Na concesión das axudas valórase, entre outros aspectos, que as entidades que concorran a estas dispoñan ou teñan solicitado un plan de igualdade de xénero e a diversidade das accións formativas que inclúan nos seus programas.

As accións formativas subvencionables están incluídas no Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego do Estado (Sepe) entre as que se atopan, entre outros:

  • Cursos de comunicación e traballo en equipo en hostalería;
  • Inglés empresarial;
  • Tratamento e xestión das queixas e reclamacións;
  • Xestión informatizada das vendas;
  • Resiliencia, aplicación do modelo de resiliencia ao sector turístico;
  • Emerxencias e primeiros auxilios en hostalería;
  • Xestión loxística;
  • Chinés básico en actividades de venda;
  • Ferramentas de difusión e márketing de medidas adaptadas ante a covid-19;
  • Sistemas de reserva en liña ou
  • Organización de eventos e protocolo.

Esta medida súmase ao Plan de formación para o emprego dirixido a persoas ocupadas que se publicou no mes de febreiro cun orzamento de 5,5 millóns de euros e enmárcase na aposta do Goberno galego pola formación de calidade, próxima e adaptada ás necesidades do tecido produtivo.


Publicación DOG Ficha informativa sede electrónica