Lorenzana sinala que os programas de axudas Xempre e Bono Autónomo poderán chegar a 7.000 profesionais
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana anunciou, durante a clausura da terceira edición do programa Mentoring de apoio ao emprego autónomo, que a vindeira semana se convocarán as axudas do Xempre Autónomo e Bono Autónomo, dúas iniciativas que cun investimento de 20 millóns de euros poderán beneficiar, segundo as estimacións da Xunta, a uns 7.000 persoas traballadoras por conta propia.
Xempre Autónomo (12 millóns) son apoios de ata 10.000 euros ás novas altas para impulsar o inicio de actividade e o Bono (8 millóns) financia con ata 3.000 euros investimentos para a mellora da competitividade dos negocios.
Lorenzana explicou que estes dous programas forman parte do orzamento global que a Consellería destinará este ano ao traballo autónomo, case 57 millóns de euros entre os que se inclúen os 30 millóns do Impacto Autónomo ou os 250.000 euros que se destinarán á 4ª edición do Mentoring, que desenvolven a Xunta e a Fundación Ronsel. En palabras da titular de Promoción do Emprego, a iniciativa reeditarase ante os bos resultados acadados na 3ª edición: contou con 50 mentores e participaron 219 profesionais en proceso de adaptar ou transformar os seus negocios ás necesidades do mercado, acadadando en moitos casos unha mellora da competitividade.
Máis do 96 % dos beneficiarios do programa valoraron como “moi útil” a iniciativa; máis do 98 % destacou como “moi boa” ou “boa” a relación establecida co seu mentor ou mentora; un 20 % das persoas participantes, desde que comezou Mentoring, incrementou a súa cifra de negocio e un 10 % fixo algunha contratación. “Estase a demostrar que Mentoring Traballo Autónomo consegue mellorar a competitividade dos autónomos, un colectivo prioritario para a Xunta”, subliñou Lorenzana.
A metodoloxía mentoring, segundo apuntou a conselleira, permite que a persoa mentora transfira a súa experiencia e os seus coñecementos aos participantes no programa establecéndose unha confianza entre ambas partes que se instrumenta mediante un proceso de acompañamento e orientación a través da experiencia. Co programa autonómico acompáñase ás traballadoras e traballadores por conta propia no proceso de consolidación da súa actividade empresarial e se incrementan os contactos profesionais. “O mentoring desenvolve o potencial de cada persoa para convertelo en talento, xerando un mercado laboral máis forte e unha Galicia con máis oportunidades”, indicou.
Para rematar, entre as actuacións que a Xunta está a desenvolver para impulsar o traballo autónomo, a conselleira tamén referiuse á nova Estratexia do emprego autónomo, que se está a ultimar en consenso cos representantes do colectivo no seo da Mesa do Emprego Autónomo. Así mesmo, puxo en valor a Oficina virtual do emprego autónomo, un espazo 24 horas a través do que se resolven dúbidas e se ofrece información aos profesionais por conta propia.