A Xunta concede preto de 1,2 M€ a máis de 200 empresas e persoas autónomas para promover a igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución de axudas convocadas este ano para micropemes, pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado co gallo de impulsar a implantación de medidas de igualdade laboral, de conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE). En concreto, un total de 204 entidades e persoas beneficiarias recibirán preto de 1,2 millóns de euros no marco das tres liñas de achegas.
Así, ao abeiro da primeira, para fomentar a elaboración e posta en marcha de plans de igualdade, concedéronse preto de 120.000 euros a un total de 32 beneficiarias. Na segunda, que promove a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria, repartiranse máis de 900.000 euros entre 130 beneficiarias. Por último, 42 empresas recibirán máis de 135.000 euros para poder optar a certificacións en materia de RSE que recoñezan as súas boas prácticas.
Cabe lembrar que para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta de Galicia prevía apoios, que se bareman en función do tamaño da empresa e dos cadros de persoal, que podían chegar ata os 22.000 euros de ter máis de 20 persoas empregadas e que se destinarán, de ser o caso, á contratación de profesionais expertos en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, para cubrir gastos da propia elaboración do plan e para a implantación das medidas contidas nel.
Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por persoa traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por empresa). Estes apoios increméntanse en 1.000 euros para profesionais ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Inclúense neste segundo paquete de achegas as destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80% do investimento con tope de 1.500 euros por persoa empregada beneficiaria e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros. Ao igual que no caso anterior, a axuda aumentará nun 10% naquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
En terceiro lugar, este programa de Promoción do Emprego e Igualdade apoia as empresas e o traballo autónomo na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custos do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por entidade.
A Xunta leva mobilizados neste programa de axudas para a igualdade laboral uns 11 millóns de euros desde 2017, tendo beneficiado máis de 1.500 empresas nestes anos.