Axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia - 2023


  • 27/03/2023
  • 27/04/2023

MR446A - Axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia - 2023

Data de publicación: 27/03/2023

Data de inicio solicitude: 28/03/2023

Data de remate solicitude: 27/04/2023

Obxecto

Esta Orde ten por finalidade conceder as subvencións á reestruturación e reconversión da viña en Galicia conforme cos requisitos e condicións establecidas para esta intervención nas disposicións xerais do ámbito comunitario, estatal e autonómico e, en particular, no Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común e as súas modificacións.

O apoio para esta intervención aplicarase ás viñas da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación, cuxas persoas viticultoras non contradigan a normativa vixente en materia de plantacións de vide para calquera das superficies de viña da súa explotación.

A dita intervención ten como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable.

Características da axuda

A axuda á reestruturación e reconversión de viñedos só poderá concederse para unha o varias das operacións seguintes:

a) Replantación con ou sen sistema de condución.

b) Reconversión de viñedos por cambios de variedade: sobreenxertado.

c) Mellora de técnicas de xestión de viñedos.

d) Replantación de viñedos cando sexa necesario tras a arrinca obrigatorio por motivos sanitarios ou fitosanitarios por orde da autoridade competente.

As accións subvencionables de reestruturación e reconversión elixibles, as súas características e os seus baremos estándar de custos unitarios recóllense nos anexo V e VI da orde e deberán perseguir un ou máis dos obxectivos globais establecidos en función de se cumpren unha ou varias das características de cada operación.

A axuda consistirá nunha compensación ás persoas viticultoras pola perda de ingresos (CPI) debida á execución da operación e nunha contribución aos custos incorridos (CCI) na dita operación.

A compensación pola perda de ingresos (CPI) consistirá nunha compensación económica do:

a) No caso de replantación, o 0,99 da perda de ingresos potencial.

b) No caso de reconversión, o 0,25 da perda de ingresos potencial.

c) No caso de mellora de técnicas de xestión, o 0,25 da perda de ingresos potencial.

d) No caso de replantación por arrinca por motivos sanitarios ou fitosanitarios, non se concederá esta axuda.

Para as parcelas situadas en Galicia, a perda de ingresos potencial cífrase en 9.927 €/ha. No caso de que a superficie arrincada obxecto da axuda proceda doutra comunidade autónoma, solicitarase a esa comunidade autónoma o valor da perda de ingresos potencial.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuras viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

As comunidades de bens ou sociedades civís deberán cumprir as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles (anexo I), que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias.

A superficie total reestruturada e/ou reconvertida será, polo menos, dunha hectárea (10.000 m2 ) para as solicitudes colectivas e 0,2 ha (2.000 m2 ) para as individuais.

O ámbito territorial das solicitudes non será superior ao dunha provincia, agás que se faga en terreos dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida (DOP/IXP) e que a súa zona de produción comprenda máis dunha provincia.

A parcela de viña, unha vez reestruturada ou reconvertida, será polo menos de 0,01 ha (100 m2 ). Malia o anterior, nos casos en que a medida se limite a accións de sobreenxertado e/ou cambio de sistema de condución, a superficie mínima será aquela con que a parcela figura no Rexistro Vitícola de Galicia.

A superficie máxima elixible será de 20 hectáreas por persoa viticultora e convocatoria.

A intervención de reestruturación e reconversión de viñas levarase a cabo a través de solicitudes que poderán presentarse de forma:

a) Colectiva, cun mínimo de 5 persoas viticultoras.

b) Individual.

As solicitudes presentadas de forma colectiva executaranse no marco dun acordo celebrado entre todas as persoas viticultoras participantes.

Válido dende: 
luns, 27 Marzo, 2023
Válido ate: 
xoves, 27 Abril, 2023