Axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia - 2024
- 09/01/2024
- 30/09/2024
-
Etapa
TR341D - Axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia - 2024
Data de publicación: 09/01/2024
Data de inicio solicitude: 16/01/2024
Data de remate solicitude: 30/09/2024
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria de duas liñas de axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo e mantemento da súa actividade laboral.
Establécense 2 liñas de axudas:
a) Liña 1: unha axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma.
b) Liña 2: unha axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses da contía da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.
Características da axuda
Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do seu emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese dúas liñas de axuda compatibles entre si.
Liña 1: unha axuda para apoiar ás persoas desempregadas no inicio da actividade e no mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral. Establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custes simplificados asociado á operación coas seguintes contías:
2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
a) Persoas menores de 30 anos.
b) Persoas desempregadas de longa duración.
c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.
d) Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
e) Persoa desempregadas que teñan a condición de emigrante retornada.
f) Persoa desempregadas que teñan a condición de estranxeira.
g) Persoas maiores de 52 anos.
A contía base correspondente incrementarase nun 15 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra g) anterior.
d) Persoas trans.
e) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo III.
Estes cinco incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 7.000 €.
Liña 2: unha axuda para a sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia das persoas desempregadas que se inician como traballadoras autónomas, equivalente á contía da cota reducida regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, multiplicada por 12, e sempre que se acollan á citada redución. O importe da dita contía será o determinado polo Real decreto lei 13/2022, do 26 de xullo, polo se establece un novo sistema de cotización para os traballadores autónomos e se mellora a protección por cese de actividade.
Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:
Para a liña 1:
a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
b) Ser titular ou cotitular do negocio ou explotación e ter iniciado a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da subvención, e non ter ningunha alta anterior como persoa traballadora autónoma nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria, salvo que a dita alta fose como persoa autónoma colaboradora.
c) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.
d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
e) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.
Para a liña 2:
a) Ser persoa autónoma beneficiaria da cota reducida regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, no momento de presentación da solicitude.
b) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
c) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
d) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.
e) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
f) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade a solicitude da axuda.
g) No suposto de persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, cooperativas de traballo asociado e administradores destas, estas deberán ser de nova creación, é dicir, aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 30 de setembro de 2023, segundo a data que figure no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, na data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.