Axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas - 2024


  • 08/05/2024
  • 15/09/2024

IG300F - Axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas - 2024

Data de publicación: 08/05/2024

Data inicio de solicitude: 09/05/2024

Data remate de solicitude: 15/09/2024

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto publicar a convocatoria das axudas destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos ou subprodutos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

Características da axuda

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos individuais en que unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais ou propor actuacións de impacto social de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o impacto social, o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b) deben dirixirse a un ou varios dos 18 obxectivos que se agrupan en 4 tipoloxías:

Globais:

1. Auditoría e avaliación de riscos ASG: proxectos de identificación, diagnose e propostas de xestión dos riscos relacionados cos factores ASG.

2. Consultoría e certificación de empresa B Corp.

Ambientais:

Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:

3. Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.

4. Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).

5. Monitoraxe e control de procesos.

6. Medición, monitoraxe e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.

Redución da xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade destes e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:

7. Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.

8. Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.

9. Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.

10. Consultoría e certificación de ecodeseño: ISO 14006.

Análise do ciclo de vida do produto:

11. Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.

12. Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio «berce a berce».

Sociais:

13. Diversidade e inclusión: elaboración de plans de fomento dun contorno de traballo inclusivo e diverso, promoción da igualdade de oportunidades e da diversidade en todos os niveis da empresa.

14. Ética laboral: propostas de prácticas laborais xustas e éticas para asegurar condicións de traballo seguras e respectuosas.

15. Elaboración de programas de investimento na Comunidade: participación en actividades que beneficien ás comunidades locais, programas de educación, saúde ou desenvolvemento comunitario.

Gobernanza:

16. Estruturas das xuntas directivas: análises e propostas de establecemento de xunta directiva diversa e independente que supervise e guíe as decisións estratéxicas da empresa.

17. Transparencia financeira: propostas de mellorar a información financeira e a súa divulgación para garantir a transparencia.

18. Ética empresarial: desenvolvemento de códigos de conducta empresarial que promovan a ética e a integridade en todas as operacións.

Límites inferiores e subvención máxima:

  Proxecto Individual Proxecto Colectivo
Importe mínimo por empresa 12.000€ 10.000€
Subvención máxima por empresa 60.000€ 50.000€
Subvención máxima por proxecto 60.000€ 200.000€
Subvención máxima por empresa en proxectos só de consultoría 30.000€ 25.000€

Cando un proxecto individual ou colectivo, só de consultoría, se refira a un traballo específico para un só dos 18 obxectivos previstos, o importe máximo subvencionable por empresa será de 15.000 €.

Nos supostos en que se prevé a certificación, os custos de certificación non se consideran incluídos nos límites anteriores establecidos para custos de consultoría.

Conceptos subvencionables

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Activos materiais e inmateriais (que para ser subvencionables deben contabilizarse nunha conta contable do grupo 2):

i. Sensores, equipamentos e sistemas para a medición, monitorizaxe, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

ii. Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hídricos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos, así como os gastos de desenvolvemento do devandito software. En ningún caso serán subvencionables os gastos de mantemento ou o canon dixital.

iii. Nova maquinaria e bens de equipamento, unicamente no caso de que se trate de equipamentos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.

b) Servizos de consultoría externa, de deseño de procesos ou de produtos máis eficientes, ou organizativa (que para seren subvencionables debe contabilizarse nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica, ecodeseño, reenxeñaría de procesos, programas de responsabilidade social ou propostas dirixidas a mellorar a gobernanza, a xestión de riscos ASG ou cara á certificación B Corp.

Estas colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outro non vencellado directamente ao obxecto do proxecto ASG proposto.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídas as persoas empresarias autónomas, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos, as persoas interesadas deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por tres pemes con centro de traballo en Galicia.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
mércores, 8 Maio, 2024
Válido ate: 
domingo, 15 Setembro, 2024