Axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios - 2024


  • 06/06/2024
  • 30/10/2024
Accede dende aquí

TR353D - Axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios - 2024

Data de publicación: 06/06/2024

Data inicio de solicitude: 07/06/2024

Data remate de solicitude: 30/10/2024


Infografía explicativa


Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas do Bono remuda para o fomento do traspaso de negocios por remuda xeracional.

A finalidade desta Orde é evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente. Os negocios obxecto de remuda deberán ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúase do requisito de inscrición na Bolsa de remuda os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A remuda, para ser subvencionable, deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.

Características da axuda

O Bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que, previamente, estivese inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia.

A porcentaxe do prezo do contrato para subvencionar varía segundo a liña de axuda:

- Na liña 1. Bono remuda rural, subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.

- Na liña 2. Bono remuda xeral, subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.

No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos, o importe para percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugamento. O importe mensual do alugamento deberá figurar no contrato de remuda.

No caso de traspaso dunha sociedade e cando a remuda non inclúa a totalidade de participacións da sociedade, o importe da axuda será proporcional á porcentaxe de participación obxecto de remuda.

A intensidade da axuda, en calquera das liñas, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si:

- Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.

- Que persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.

- Que persoa que adquire o negocio teña os 52 anos feitos na data da solicitude.

- Que o negocio traspasado teña máis de 5 traballadores.

Igualmente, e no caso da liña 1. Bono remuda rural, a intensidade da axuda incrementarse un 10 % máis cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

- Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.

- Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.

- Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade en que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros.

Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias do Bono remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.

A remuda ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte; polo tanto, na persoa que traspasa o negocio, ten que se dar algunha das seguintes circunstancias:

a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).

b) Ser declarada en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.

c) Ser herdeiras da/s persoa/s titulares do negocio, no caso de falecemento destas.

Modelo do cartel para dar publicidade da axuda recibida do Bono Remuda 2024

Modelo segundo se establece no artigo 23.h da orde que regula a convocatoria


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
xoves, 6 Xuño, 2024
Válido ate: 
mércores, 30 Outubro, 2024