Axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea (FEDER) - Liña 1 desenvolvemento e innovación


  • 15/01/2025
  • 30/04/2025
Accede dende aquí

IG300J - Axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 - Liña 1 desenvolvemento e innovación

Data de publicación: 14/01/2025

Data inicio de solicitude: 22/01/2025

Data remate de solicitude: 30/04/2025

Obxecto

A concesión de axudas destinadas a apoiar á industria da automoción galega dentro do Plan de Apoio á Descarbonización e Transición ao Vehículo Eléctrico do Sector da Automoción de Galicia, mediante apoios ao desenvolvemento tecnolóxico e innovación de procesos ou organización.

Características da axuda

Poderán ser subvencionables proxectos de desenvolvemento experimental e proxectos de innovación en materia de organización e procesos, segundo se definen a continuación:

1º. Proxectos de desenvolvemento experimental:

A adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos ou procesos novos ou mellorados; pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos ou servizos. O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados; pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación. O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando esas modificacións poidan representar melloras dos mesmos.

2º. Proxectos de innovación en materia de organización e de procesos:

A aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa ou a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipos ou programas informáticos); non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados, os cambios ou melloras de importancia menor nin os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados.

As grandes empresas só poderán ser beneficiarias de axuda a este tipo de proxectos se cooperan con pemes na execución do proxecto obxecto de axuda, debendo asumir estas un mínimo dun 10 % para dos proxectos de desenvolvemento experimental. No caso dos proxectos de innovación en organización e procesos, debe existir colaboración efectiva con una ou varias pemes, que deben asumir un mínimo do 30 % do total dos custos subvencionables.

Por colaboración efectiva, tal e como se recolle no artigo 2 punto 90 do Regulamento (UE) nº 651/2014, enténdese a colaboración entre, polo menos, dúas partes independentes para o intercambio de coñecementos ou tecnoloxía, ou para lograr un obxectivo común sobre a base da división do traballo, na que as partes implicadas definen conxuntamente o ámbito do proxecto en colaboración, contribúen á súa aplicación e comparten os seus riscos e os seus resultados; unha ou varias das partes poden soportar a totalidade dos custos do proxecto e liberar así outras partes dos seus riscos de financiamento. A investigación baixo contrato e a prestación de servizos de investigación non se consideran formas de colaboración.

As empresas deberán constituír unha agrupación que se rexerá polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír de forma expresa quen é a líder ou representante da agrupación. A líder será a representante única da agrupación, única interlocutora coa Administración en todo o procedemento sen prexuízo do carácter de beneficiarias de todas e cada unha das integrantes da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades e do orzamento total e o achegado por cada un dos membros da agrupación.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante da mesma ante a Administración para os efectos de interlocutor coa mesma e perceptor da axuda.

c) Compromiso de distribución da axuda percibida polo líder entre todos os participantes da agrupación conforme ao gasto aprobado e ao pagamento do Igape tras a xustificación finalmente admitida.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

Todas as entidades que colaboren na execución do proxecto terán a condición de beneficirias e deberán cumprir as mesmas condicións e obrigas que a solicitante líder da agrupación. Na solicitude deberán constar, de forma expresa, os compromisos de execución asumidos por cada membro.

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia no que se desenvolva o proxecto subvencionado.

Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, en calquera dos seus subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.

Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
mércores, 15 Xaneiro, 2025
Válido ate: 
mércores, 30 Abril, 2025