Ciclo de vida: modernización do negocio
Modernizar o negocio
A opción de modernizar o teu negocio sempre é unha decisión arriscada na medida en que representa un cambio sobre o que a clientela está afeita a ver e recibir e, como todo cambio, é unha incógnita cal será o resultado: valorará a clientela positivamente as novidades? Acadarase a mellora prevista nos resultados? Suporá una avance na dirección axeitada?
Para dar resposta a estas e outras dúbidas que xurdirán durante o proceso de modernización, así como para acompañarche ao longo do mesmo e axudarche a centrarte no teu traballo, a Xunta de Galicia e outras administracións poñen a túa disposición distintas axudas para facilitarche o proceso.
Ademais, pola súa relevancia e interese, o apoio da Xunta de Galicia se concentra fundamentalmente a través do IGAPE nos seguintes servizos:
Servizos Re-Acciona
Unha vía fundamental de modernización para as persoas traballadoras autónomas son os Servizos Re-acciona definidos polo IGAPE, coa finalidade de mellorar a súa profesionalización nunha determinada área estratéxica ou operativa.
Como persoa traballadora autónoma poderás acceder a estes servizos en idénticas condicións que as microempresas, contando desde o comezo do servizo cuns obxectivos a acadar que se farán tanxibles ao rematar o servizo, sendo consciente así do que podes esperar coa súa posta en marcha.
Estes servizos desenvólvense de xeito conxunto e guiado por unha entidade colaboradora do Igape, que en todo momento estará á túa disposición durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dende os 3 aos 6 meses aproximadamente, combinando estas accións cunha formación que resulta clave para conseguir os resultados planificados.
Os servizos Re-acciona céntranse en dous ámbitos:
- Por unha banda no desenvolvemento estratéxico, con servizos como a análise de potencial competitivo, o plan de futuro do negocio, redes de cooperación ou transformación do negocio entre outros.
- E por outra banda na profesionalización, con servizos como a optimización financeira, relanzamento comercial, a xestión por procesos ou a imaxe e comunicación entre outros.
Se algún deles é do teu interese, consulta neste enlace á web do IGAPE toda a información actualizada sobre os servizos Re-acciona, e comproba se neste momento hai convocatorias abertas ou para cando están previstas; ou fai a túa consulta a través do persoal especializado da rede de persoal técnico.
Servizos Re-Acciona TIC
Se o que precisas é modernizarte para acceder á economía dixital, o programa Re-acciona TIC concentra os servizos Re-acciona específicos para este ámbito que precises, contemplando os seguintes:
- Diagnose para a aplicación de solucións dixitais
- Adopción de solucións de mobilidade
- Adopción de solucións dixitais para a mellora da xestión
- Posta en marcha de estratexias de marketing dixital
Se algún deles é do teu interese, consulta neste enlace á web do IGAPE toda a información actualizada sobre os servizos Re-acciona TIC, e comproba se neste momento hai convocatorias abertas ou para cando están previstas; ou fai a túa consulta a través do persoal especializado da rede de persoal técnico.
Dúbidas e suxestións
Se tes algunha dúbida sobre estes servizos ou algunha suxestión ao respecto, contacta connosco a través deste formulario.