A Xunta abre o prazo para solicitar o Bono das persoas autónomas co que se apoia a consolidación económica deste colectivo

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a iniciativa de Economía, Emprego e Industria, coa que se prevé beneficiar a 1.000 persoas con ata 3.000 euros por persoa traballadora
  • A convocatoria, dirixida a aquelas que conten cunha empresa cun mínimo de 42 meses de antigüidade, permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de agosto ou ata o remate dos fondos.
  • Esta medida pioneira en Galicia, enmárcanse na Estratexia Autónomo 2020 coa que, con 40 millóns ao ano, se busca incorporar a novas persoas ao emprego por conta propia, garantir a viabilidade dos negocios en marcha e simplificar e axilizar a tramitación administrativa 

O Bono autónomo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre hoxe o prazo para solicitar o Bono Autónomo, unha nova medida pioneira en Galicia cun investimento de 3 millóns de euros e que apoiará con ata 3.000 euros por traballador a consolidación da súa empresa para aquelas que conten cunha antigüidade mínima de 42 meses e unha facturación mínima anual de 12.000 euros (IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria). 

O DOG publicou onte esta medida coa que se prevé beneficiar a 1.000 persoas que gañarán en profesionalidade, desenvolvemento estratéxico e competitividade. A Xunta anticipará o 100% da contía. 

Para ser beneficiario do bono, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de agosto ou ata o remate dos fondos na sede electrónica da Xunta de Galicia, as persoas traballadoras autónomas poderán ter acceso gratuíto a servizos de apoio para saber onde necesitan mellorar, unha diagnose que realizarán os profesionais da Rede de Técnicos de Emprego ou do Igape.   

Co cheque, que se outorgará en concorrencia non competitiva, poderanse contratar servizos de mellora de xestión financeira, de optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación e posicionamento na web. O bono tamén poderase empregar en plans de mellora empresarial, márketing, redefinición do modelo de negocio e identificación de socios e redes de cooperación ou no financiamento de servizos que lles permitan afrontar novos retos. 

A Xunta xa conta con axudas para a promoción do emprego autónomo, pero esta nova medida busca que as empresas creadas conten cos mecanismos necesarios para crecer e ampliar a súa actividade cara a novos mercados para favorecer a creación de novos postos de traballo. 

Para axudar tamén á consolidación da actividade empresarial e ao inicio da posta en marcha de novos proxectos, púxose en marcha recentemente esta Oficina do Autónomo, unha xanela única onde as persoas interesadas poderán obter información en relación ao estado e progresos dos seus expedientes abertos con calquera órgano ou unidade da propia Administración galega. Estímase unha atención media de 2.000 persoas ao ano. Esta oficina, polo tanto, é un punto unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático onde tamén se mostrará toda a información sobre as axudas ao emprego autónomo.

Estratexia Autónomo 2020

As dúas novas medidas forman parte da Estratexia Autónomo 2020 na que o Goberno galego está a traballar para beneficiar a 10.000 persoas autónomas ao ano con tres retos principais:

Incorporar novas persoas ao emprego autónomo,

Consolidar a actividade existente para garantir a súa viabilidade e simplificar e

Axilizar a tramitación administrativa.

Esta folla de ruta conta cun presuposto de 160 millóns ata 2020, 40 millóns ao ano.