A Xunta promove a campaña "Teletraballa con prevención" para sensibilizar sobre os hábitos nesta modalidade laboral
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), María Adela Quinzá-Torroja presentou en Santiago de Compostela a nova campaña da Xunta "Teletraballa con prevención", que busca sensibilizar acerca das prácticas preventivas e sobre bos hábitos no desenvolvemento desta modalidade de traballo, en auxe desde a irrupción da pandemia.
“No tempo da pandemia o teletraballo acelerouse de repente, sendo en determinados momentos a modalidade preferente”, afirmou a xerente do Issga, para quen esta medida organizativa serviu -e serve- de “muro de saúde fronte á transmisión do virus” ao permitir continuar a actividade e, ao mesmo tempo, reducir a mobilidade e evitar a confluencia de persoas nun mesmo centro de traballo.
Para Quinzá-Torroja, “nestes momentos debe acadarse un adecuado equilibrio na garantía da prestación do servizo ou atención á clientela de xeito presencial e o traballo a distancia, que, sen dúbida, é unha das características do traballo do futuro inmediato”.
O traballo a distancia leva parellos importantes beneficios como a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a redución e aforro de custos, o aumento da produtividade e racionalización de horarios, a atracción e retención do talento ou a redución do absentismo. Pero, con todo, tal e como remarcou Quinzá-Torroja, “pode afectarlle á saúde musculoesquelética ou mental debido aos longos períodos de traballo con pantallas de visualización, o illamento, unha maior inactividade física, os límites difusos entre traballo remunerado e vida privada ou o estrés”.
Por este motivo, a Xunta está a promover boas prácticas por medio da campaña "Teletraballa con prevención", con especial atención á formación específica neste novo ámbito de riscos laborais e mediante a sensibilización de persoas traballadoras e de organizacións para acadar rutinas máis seguras.
O Issga, na súa condición de órgano encargado da execución e coordinación das políticas de prevención de riscos laborais deseñadas en consenso cos interlocutores sociais, está a facilitar as recomendacións e as medidas preventivas para que o teletraballo se desenvolva nas mellores condicións. Para iso está a elaborar documentación técnica e a difundir material en formato dixital para chegar á poboación traballadora por conta propia e allea.