A Xunta inviste 12,2M€ para impulsar e consolidar o emprego autónomo e apoiar a contratación indefinida de 3.000 traballadores e 90 empresas

Para a promoción do emprego autónomo destínanse 11,2 millóns de euros con axudas máximas de ata 10.000 euros para facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

O Diario Oficial de Galicia publica as axudas destinadas a impulsar o emprego autónomo e apoiar a consolidación do xa existente, que contan cun orzamento de 12,2 millóns de euros. Trátase dun programa que inclúe dúas liñas de financiamento, que se poden solicitar desde o 5 de agosto e ata o próximo 30 de setembro. A previsión do Goberno galego é poder beneficiar a 3.000 autónomos e 90 empresas a través desta iniciativa.

Por unha banda, co obxectivo de facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, invístense 11,2 millóns de euros. Esta liña de financiamento establece incentivos de 2.000 euros para apoiar o inicio da actividade das persoas autónomas, duplicándose a contía ata os 4.000 euros para as menores de 30 anos, as paradas de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. As contías poden incrementarse nun 25% no caso do que as beneficiarias sexan mulleres, persoas emigrantes retornadas, persoas maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea emprazada nun concello rural, entre outros supostos. Así, as axudas máximas poden acadar os 10.000 euros.

Poden optar a estas axudas as persoas dadas de alta no RETA, noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. É preciso ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da axuda e que se desenvolva en Galicia, entre outros requisitos.

Esta mesma convocatoria, que se publica no DOG, inclúe tamén axudas para que as persoas autónomas poidan contratar de xeito indefinido a persoas traballadoras. Así, para a primeira persoa traballadora indefinida, as axudas van desde os 4.000 euros aos 6.500 nos casos de persoas paradas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Para incorporar á segunda e terceira persoa traballadora indefinida, a axuda irá desde os 6.500 euros ata os 9.000 euros. Estes apoios poden incrementarse nun 25% nos mesmos supostos que no programa de impulso ao emprego autónomo. Estas axudas poden alcanzar os 22.500 euros e, ademais, ponse en marcha por segundo ano o bono formación, que inclúe 4.000 euros por persoa contratada, sendo compatible co bono contratación.


Información promoción emprego autónomo

Información contratación indefinida