Entra en vigor o Real Decreto -lei 14/20202 de medidas de aforro, eficiencia e redución da dependencia enerxética
Trala súa publicación o 2 de agosto de 2022, entran en vigor as obrigas dos apartados 1º e 4º do artigo 29 do Real Decreto - lei 14/2022, do 1 de agosto, de medidas de sustentabilidade económica no ámbito do transporte, en materia de bolsas e axudas de estudo, así como de medidas de aforro, eficiencia enerxética e da redución da dependencia enerxética do gas natural.
En concreto, o apartado 1º fai referencia á regulación da temperatura do aire dos recintos habitables acondicionados, limitándose aos seguintes valores:
a) A temperatura do aire nos recintos calefactados non será superior a 19 ºC.
b) A temperatura do aire nos recintos refrixerados non será inferior a 27 ºC.
c) As condicións de temperatura anteriores estarán referidas ao mantemento dunha humidade relativa comprendida entre o 30 % e o 70 %.
As ditas limitacións estarán condicionadas ao cumprimento do previsto no Real Decreto 486/1997, de 14 de abirl, polo que se establecen as disposición mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, así como aqueles recintos que xustifiquen a necesidade de manter condicións ambientais especiais ou dispongan dunha normativa específica que así o estableza, debendo existir neste caso, unha separación física entre o recinto cos locais contiguos que veñan obrigados a manter as condicións indicadas.
Así mesmo, o apartado 4º do referido artigo 29 fai referencia ao alumeado dos escaparates, que deberá manterse apagado desde as 22 horas, sendo tamén de aplicación para os edificios públicos que á referida hora se atopen desocupados.
Medidas adicionais a curto prazo
Por outra banda, o mencionado Real Decreto - lei fai referencia tamén a outras medidas que tamén entrarán en vigor en breve.
Así, o apartado 2º do referido artigo 29, establece que nun mes desde a súa publicación (o 2 de setembro) os recintos acondicionados deberán informar, mediante carteis informativos ou uso de pantallas, as medidas de aplicación que contribúan ao aforro enerxético relativas aos valores límites das temperaturas do aire, información sobre temperatura e humidade, apertura de portas e réxime de revisión e mantemento, tendo unha vixencia prevista ata o 1 de novembro de 2023.
E por outra banda, o vindeiro 30 de setembro deberá contarse, nos locais e edificios con acceso desde a rúa, dun sistema de peche de portas axeitado, o cal poderá consistir nun sinxelo brazo de peche automático das portas, co fin de impedir que estas permanezan abertas permanentemente.
Outras medidas do Real Decreto - lei 14/2022. Cambios no Real Decreto - lei 13/2022
Ademais doutros cambios en materia de transporte terrestre (con axudas aos profesionais do sector segundo a tipoloxía de flota de camións da que dispoña), de medidas en materia de transporte aéreo e marítimo e tamén de medidas económicas en materia de bolsas e axudas en ensino postobrigatorio e para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, o Real Decreto - lei 14/2022 engade algunhas modificacións na redacción do Real Decreto - lei 13/2022, polo que se establece un novo sistema de cotización para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomos e se mellora a protección por cese de actividade.
Nese sentido, este novo RD-lei 14/2022 introduce modificacións na regulación da base de cotización para determinados supostos de alta no réxime especial, modifica tamén a redacción do método de regularización da cotización provisional e outros aspectos referidos aos requisitos para o nacemento do dereito á protección por cese de actividade, así como ao acceso ao Mecanismo RED de flexibilidade e estabilización do emprego. Igualmente inclúe cambios no relativo á bonificación das cotas para as persoas traballadoras autónomas durante o descanso por nacemento, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou durante a lactanción natural. Finalmente, inclúe tamén cambios na bonificación ás traballadoras autónomas que se reincorporen ao traballo en determinados supostos, modificacións tamén no relativo á cota reducida (ou tarifa plana) para as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% e para vítimas de violencia de xénero ou do terrorismo.