A Xunta convoca as axudas para compensar as reducións de xornada por coidado de fillas e fillos co maior orzamento dos últimos anos e apoios extra a familias monomarentais e monoparentais
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar unha nova convocatoria das axudas coas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere compensar a redución de xornada de traballo que asumen algunhas familias galegas para atender a fillas e fillos de ata 3 anos (ou 12 no caso de ter recoñecida discapacidade). A Xunta de Galicia destina a estes apoios un orzamento de 773.393 euros -o maior nos últimos anos desta liña e un 34,4% más que o de 2021- para os fogares que se acollan a esta medida como iniciativa de fomento da conciliación e a corresponsabilidade entre mulleres e homes.
As achegas previstas irán dos 1.700 euros ata os 3.700 en función da porcentaxe de redución da xornada laboral (de polo menos o 12,5%), da súa duración (o máximo período subvencionable será de 8 meses) e do número de fillas e/ou fillos ao cargo.
Poden acceder ás axudas familias monomarentais e monoparentais nas que a persoa que exerce a maternidade ou paternidade en solitario se teña acollido á minoración da xornada. Tamén as unidades integradas por unha muller e un home, nas que este último reduza o seu horario co obxectivo de que as traballadoras poidan seguir a desenvolver a súa carreira e incrementar o fomento da corresponsabilidade nos coidados dos menores. No caso das familias integradas por dúas mulleres ou dous homes máis os fillos ou fillas, poderanse recibir os apoios de ter reducido a xornada algún dos seus integrantes.
En todos os casos, a redución de xornada tense que ter activado entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022 para o coidado de fillas e/ou fillos menores de tres anos e de ata 12 no caso de que teñan recoñecida discapacidade. Poden resultar beneficiarias tamén as persoas traballadoras con menores en adopción ou acollemento familiar, sempre que non teñan transcorrido tres anos desde a súa oficialización.
A Xunta incrementou este ano os apoios que recibirán os núcleos monomarentais ou monoparentais, aqueles que están formados por unha persoa que enfronta en solitario a maternidade ou paternidade, por cónxuxes viúvos ou viúvas ou por unha nai ou un pai que queda a cargo das fillas e fillos. Nestes casos, trátase de atender ás maiores dificultades que presentan en aras á conciliación así como á súa maior vulnerabilidade económica, facendo que cada un dos fillos compute como dous para o cálculo da contía da axuda e outorgando un incremento de 10 puntos extra na fase de baremo de requisitos.
Outras condicións que recolle a resolución hoxe publicada esixen que as persoas beneficiarias estean empadroadas en calquera municipio de Galicia, convivan coa filla ou fillo no período subvencionable e nunha unidade familiar con ingresos non superiores a sete veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) do ano 2021.
O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá e ata o próximo 26 de setembro.
Desde o ano 2009, no marco destes apoios para a conciliación e corresponsabilidade nos fogares, a Xunta outorgou 2.895 axudas que sumaron máis de 6 millóns de euros.