A Xunta pon en valor a economía social e o traballo autónomo como fórmulas de impulso do emprego
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, cifrou hoxe en máis de 81 millóns de euros o investimento que a Xunta está a destinar este 2022 a impulsar o autoemprego e a economía social. No marco da presentación de resultados do proxecto europeo A Economía GIG -no que toman parte o Concello de Vedra e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca)- Toca puxo en valor o inicio dos traballos dos polos de emprendemento cos que o Goberno galego quere dinamizar as oportunidades laborais nos núcleos rurais máis pequenos e contribuír a asentar poboación nos mesmos.
Galicia é a comunidade autónoma cunha maior representatividade do colectivo de persoas traballadoras autónomas con respecto ao total de persoas afiliadas á Seguridade Social. Así, especificou Toca, este colectivo supón o 20,50% das afiliacións, con maior presenza no sector servizos, agricultura e pesca, construción e industria. A secretaria xeral subliñou que o traballo autónomo e as microempresas representan o 96,1% da economía galega.
Existen un 78,8% de persoas traballadoras autónomas individuais, sen persoal ao cargo que, tal e como afirmou Covadonga Toca, constitúen a base de traballadoras e traballadores que poderían estar a desenvolver a súa actividade na nova economía denominada GIG, baseada no exercicio laboral por proxectos, no que se centrou o programa hoxe presentado.
“Non é alleo aos autónomos colaborar con outras empresas que externalizan determinadas tarefas; co seu traballo aportan coñecemento, talento e experiencia”, indicou. Esta fórmula, engadiu, presenta como aspecto positivo maior axilidade ou a minimización de custos para as empresas contratantes, aínda que, como incidiu, cómpre asegurar que os servizos prestados coincidan co proxecto acordado de inicio.
Apoio ao emprendemento
“Non entendemos desenvolver e adoptar medidas que impulsen o emprego, sen promover o autoemprego e a economía social”, remarcou a secretaria xeral, quen lembrou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a investir este ano máis de 81 millóns de euros a fomentar estas fórmulas.
Na mesma liña, Toca subliñou a posta en marcha dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego, que iniciaron os seus traballos xa en Verín (Ourense) e Silleda (Pontevedra). “Enfócanse na xeración de emprego para afrontar o reto demográfico que supón o envellecemento e o despoboamento en Galicia, o que permitirá establecer poboación nas zonas máis desfavorecidas de Galicia e aumentar as oportunidades de emprego dos seus habitantes”, relatou.
Esta iniciativa instaurará 12 polos en grandes áreas xeográficas de ámbito comarcal, cos que se buscará fomentar o emprego de calidade a través do emprendemento, fixar poboación grazas a estes proxectos e modernizar a actividade empresarial a través da implantación de medidas innovadoras.
A aposta, tal e como describiu a secretaria xeral, enmárcase na estratexia Xempre que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que, entre outras medidas, está a acometer a modernización do servizo de emprego que utilizará a intelixencia artificial para optimizar os procesos de oferta e demanda de postos e está a revolucionar a formación para o emprego para adaptala, a través da colaboración público-privada, ás necesidades do mercado laboral.