O comercio de proximidade pode solicitar a partir de mañá as novas axudas da Xunta de Galicia para a dixitalización dos seus establecementos e servizos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe de que, desde mañá, o comercio de proximidade e obradoiros artesáns xa poden solicitar as novas axudas da Xunta de Galicia para incentivar a dixitalización dos seus establecementos e servizos.

Nun encontro dentro do ciclo Networking Galicia Empresa, Conde explicou que o orzamento é de 3 millóns de euros para financiar, entre outras accións, márketing dixital, servizos de loxística, posicionamento a través de páxinas web, ou a xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos, para o cal as axudas poden ser de ata 5600 euros.

Segundo dixo durante esta xuntanza co tecido empresarial en Vilagarcía de Arousa, trátase dunha liña de apoios para fomentar que o sector do comercio e da artesanía poidan aproveitar todas as vantaxes da tecnoloxía e a venda en liña para poder estar dispoñibles os 365 días do ano en calquera lugar do mundo.

Conde subliñou que a dixitalización e a sustentabilidade son dous retos que afronta o tecido empresarial galego e que a Xunta traballa para que as empresas e as persoas traballadoras autónomas atopen un camiño fácil para desenvolver os seus plans de negocio. Nese sentido, mencionou a Lei de simplificación administrativa e os servizos da Oficina Galicia Empresa como instrumentos de acompañamento aos sectores económicos en Galicia.