A Xunta financia os gastos de posta en marcha de empresas de base tecnolóxica con ata 24.000 €
A Xunta ven de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para impulsar as iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) na que inviste este ano medio millón de euros para apoiar os gastos durante o primeiro ano de actividade.
A orde inclúe catro liñas de axuda: (1) para a creación de emprego estable, (2) inicio e posta en marcha da actividade, (3) conciliación e, (4) unha nova, coa que se dá cobertura á función xerencial das persoas promotoras na súa toma de decisións.
Para a creación de postos de traballo indefinidos durante o primeiro ano de funcionamento a Xunta concede apoios que van dos 6.000 aos 12.000 euros por persoa desempregada incorporada. Esta contía incrementarase nun 25% acumulables no caso no que o centro de traballo ou o domicilio fiscal da empresa se atope nun concello rural, ou que se contrate unha muller ou unha persoa maior de 45 anos, entre outros supostos.
As achegas para atender os gastos de inicio e posta en marcha da actividade -tales como honorarios de notaría e rexistro, compra de mercadorías e materias primas, arrendamento do local, maquinaria e equipamentos informáticos, seguro, publicidade e páxinas web- acadan un máximo de 24.000 euros.
Como novidade, na convocatoria deste ano, inclúese unha nova liña de apoio económico á función xerencial, co obxecto de axudar a estes profesionais na toma de decisións necesarias para o bo funcionamento da empresa. Prevense dúas modalidades, ata un máximo de 10.000 euros; por unha banda, axudas para a formación da persoa empresaria e, unha segunda, para a realización externa de análises , estudos ou informes.
Por primeira vez este ano, incrementaranse nun 25% as contías destas tres liñas de axuda (creación de postos, inicio de actividade e función xerencial) se as iniciativas cualificadas de base tecnolóxica nacen baixo a fórmula de cooperativa ou sociedade laborais.
No marco da presente convocatoria prevense tamén axudas de ata un máximo de 3.000 euros para garantir a conciliación e sufragar ata o 75% dos custos dos servizos de coidado de menores, maiores ou dependentes que contraten os impulsores das iniciativas.
Con estas axudas, a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, quere fomentar o espírito innovador emprendedor, principalmente no ámbito do persoal investigador e as persoas tituladas universitarias, en todas as áreas de coñecemento.
O apoio ás IEBT enmárcanse na nova Estratexia Xempre Contigo coa que a Xunta de Galicia quere xerar máis e mellor emprego e está a apoiar o emprendemento en todas as súas fases.
O prazo de solicitude desta orde permanecerá aberto ata o próximo 29 de setembro.