A Xunta publica o mapa de axudas á I+D+i de 2025 que inclúe 33 liñas dotadas con máis de 180 M€

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presidiu a Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta de Galicia, o órgano encargado da planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da comunidade autónoma en materia de I+D+i. Coincidindo con esta cita, faise público o Mapa de apoios da Xunta de Galicia á I+D+i programados para 2025, que inclúe 33 instrumentos de 6 consellerías dotados con máis de 181 millóns de euros.

Este documento, elaborado no marco do grupo técnico desta Comisión, recolle todas as liñas da Administración autonómica dirixidos a financiar a I+D+i. O seu obxectivo é servir como unha guía para os axentes deste ámbito, incluíndo información de interese sobre as distintas ferramentas de apoio á investigación do Goberno galego que lles permita ter unha visión integral e planificar a súa actividade.

Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presentoulle aos representantes dos 13 departamentos que compoñen a Xunta de Galicia as principais novidades do Plan galego de investigación e innovación 25-27, que será aprobado polo Consello da Xunta durante o vindeiro mes de febreiro. Destacou a importancia da “I+D+i en Galicia, que é unha aposta estratéxica deste Goberno”. “De feito, vimos de coñecer que Galicia é a Comunidade que máis medra no conxunto de España en investimento en I+D”, afirmou.

Durante a reunión, a primeira que se celebra con todos os departamentos da Xunta representados nesta Comisión tras a súa ampliación no número de membros, tamén se fixo balance do traballo realizado polo grupo técnico dependente desta Comisión, que mantivo 25 reunións de traballo e que abordou temas como a modificación da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia ou o modelo coordinado de contratación e estabilización do persoal investigador.


Máis información

Mapa de axudas