A Xunta convoca as axudas Emega para o fomento do emprego feminino cun 10% máis de orzamento nesta edición, ata chegar aos 4,8 millóns de euros
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, destacou hoxe que o Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria do programa Emega de fomento do emprendemento feminino que, cun orzamento histórico de máis de 4,8 millóns de euros (case un 10% máis que o ano pasado), prevé outorgar unhas 370 axudas. Nunha visita a tres beneficiarias desta iniciativa en Vilalba, a secretaria xeral sinalou que as mulleres emprendedoras poden cursar as súas solicitudes ata o próximo 7 de agosto.
Así, segundo destacou Sandra Vázquez, o crédito da convocatoria experimenta na anualidade de 2023 un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.
En concreto, o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 euros en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas cifras engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.