A Xunta reclama ao Estado na nova etapa consenso no deseño das políticas de emprego e amosa preocupación pola retirada do alivio fiscal a autónomos
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, mantivo en Pontevedra un encontro coa Asociación Intersectorial e Interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia na que lle transmitiu a preocupación do Goberno galego pola eliminación por parte do Estado do alivio fiscal que viñan tendo as persoas traballadoras autónomas que cotizan polo sistema de módulos para compensar a inflación. “A Xunta estará con vós e non vos deixará sós”, apuntou.
Na xuntanza, ademais, salientou que a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, envioulle unha carta á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, con motivo do seu novo nomeamento para reclamarlle consenso e coordinación no deseño das políticas activas de emprego na nova etapa.
Na misiva, en concreto, Rivo sinala que para o Goberno galego os valores de responsabilidade social e empresarial son prioritarios, destacando que a execución destas iniciativas depende en gran medida das políticas que se prestan desde o Ministerio de Traballo, polo que apelou nesta nova etapa ao diálogo e a que o Estado conte co consenso das comunidades autónomas para o seu deseño e desenvolvemento.
Na mesma carta, Rivo sinala a aposta de Galicia pola calidade e a igualdade no emprego, lembrando que a Comunidade Autónoma galega é a primeira do Estado que máis recursos económicos destina á poboación sen emprego e a segunda en número de axudas ao emprego, por detrás de Navarra.
A conselleira lembra tamén a Díaz o apoio da Xunta de Galicia aos sectores estratéxicos e as políticas que está levando a cabo para a implementación de plans de igualdade, medidas de conciliación e a mellora da sáude laboral. Neste senso, indica que a seguridade e o benestar no ámbito laboral son prioritarias en Galicia, esgrimindo que as persoas traballadoras son o maior valor do tecido produtivo. “É preciso garantir unhas óptimas condicións de traballo, seguridade e previr situacións de risco, así como promover a saúde integral no traballo, atendendo a factores físicos e psicosociais”, engade na carta.
A titular de Promoción do Emprego sinala, así mesmo, a necesidade de actualizar as normativas vinculadas coa economía social para dar resposta ás novas realidades laborais e un incremento dos recursos para cubrir os custos dos centros especiais de emprego para refozar a inclusión dos colectivos con discapacidade.
A conselleira reitera, por último, o compromiso da Xunta co impulso do emprego feminino, a eliminación da fenda salarial e o fomento da inclusión dos colectivos LGTBI no mundo laboral. Neste senso, reclama ao Estado fondos suficientes para seguir desenvolvendo medidas reais e específicas neste ámbito e tamén para apoiar o emprendemento, garatindo a orientación e formación para o emprego e a elaboración dunha orde ministerial sobre o procedemento de valoración de postos de traballo.
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Pablo Fernández, para rematar a súa intervención na xuntanza, tras expoñer as demandas da Xunta ao Goberno de Pedro Sánchez en materia laboral, afirmou o apoio “incondicional” do Goberno autonómico co colectivo das persoas traballadoras autónomas, fronte ás medidas que está a adoptar o Estado como é a retirada do alivio fiscal que viñan tendo os autónomos que cotizan polo sistema de módulos para compensar a inflación.
Fernández, neste senso, lembrou o deseño por parte da Xunta de novas medidas para favorecer a actividade deste colectivo, como é a cota cero, ou a nova Estratexia de impulso ao emprego autónomo Horizonte 2027 con 360 millóns de euros para fortalecer o traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos.
Galicia é cun 20,05 % a primeira comunidade autónoma con maior peso de autónomos no total de afiliacións.