Nova convocatoria dos Premios ao desenvolvemento rural de Galicia
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a Resolución pola que se aproban as bases reguladoras e se abre a XV convocatoria dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia.
Os premios que se convocan correspóndense coas seguintes categorías:
a) Categoría mocidade, para as iniciativas levadas a cabo por persoas mozas, que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terá a consideración de moza quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a iniciativa ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.
b) Categoría paisaxe rural, para as iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia, en que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario.
c) Categoría proxectos de Interese social, para as iniciativas orientadas á integración dos colectivos máis desfavorecidos, á inserción social ou ao coidado dos maiores.
d) Categoría turismo, para as iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico, potenciando a ampla riqueza dos recursos turísticos do medio rural de Galicia.
e) Categoría sector agro-gandeiro, para as iniciativas desenvoltas dentro dos sectores de gandaría, agricultura e/ou transformación agroalimentaria que aposten polo valor engadido na súa produción.
f) Categoría mulleres, para as iniciativas levadas a cabo por mulleres ou destinadas a elas, no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que sexan fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización e a innovación.
g) Categoría innovación tecnolóxica, para as iniciativas desenvolvidas no rural galego que incorporen a innovación para obter un novo produto ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos, ou para ser máis rápida a súa introdución no mercado.
h) Categoría recuperación e posta en valor da terra agraria, para as iniciativas que contribúan, directa ou indirectamente, a recuperar e poñer en valor terras que estaban infrautilizadas.
Cada un dos premios constará dun diploma e unha dotación en metálico de 10.000 € e o prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.