Incentivos á contratación de persoas mozas - 2023
Incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia - 2023
Finalidade da axuda
Este é un programa de incentivos á contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para a contratación mínima de 9 meses a xornada completa de persoas mozas, incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
Ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas incluídas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, mediante a formalización de contratos indefinidos, de contratos de formación en alternancia ou de contratos de formación para a obtención da práctica profesional, que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.
Contía da axuda e persoas destinatarias finais
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos indefinidos, contratos de formación en alternancia ou de contratos para a obtención da práctica profesional.
Os contratos terán unha duración mínima de 9 meses e deberán ser a xornada completa, e serán subvencionables nas modalidades de indefinido, formación en alternancia ou para a obtención da práctica profesional, tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á notificación da concesión da axuda, e ata os seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta axuda, sempre que a formalización do contrato se realizase no ano en curso e se cumpran todos requisitos establecidos.
O período para realizar as ditas contratacións será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, rematará o 30.9.2023.
A axuda consistirá nun incentivo único de 9.000 € por cada persoa moza contratada, ben con carácter indefinido ou ben cunha duración mínima de 9 meses para os casos de contratos de formación en alternancia e para a obtención da práctica profesional, e en todos os casos cunha xornada a tempo completo.
Calquera que sexa a modalidade da contratación, cada persoa contratada deberá contar cun programa de formación en competencias brandas, dunha duración mínima de 50 horas.
Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que, no momento da selección e da contratación:
a) Teñan feito os 16 anos e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil.
b) Estean desempregadas, e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego en ocupacións relacionadas coas ofertas de emprego que se presenten.
c) Estean inscritas en situación de beneficiarias no ficheiro do SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.