Obradoiros e axudas á dixitalización industria 4.0 - 2021


  • 01/06/2021
  • 01/07/2021
Accede dende aquí

IG300C - Obradoiros e axudas á dixitalización industria 4.0 - 2021

Data de publicación: 01/06/2021

Data inicio de solicitude: 02/06/2021

Data remate de solicitude: 01/07/2021

Obxecto

A resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar os obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 e convocalas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento IG300C).

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

As axudas destinadas ás pemes serán para a posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas ou entre dúas ou máis empresas galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Características da axuda

Obradoiros

Deberán ter lugar, cando menos, unha reunión mensual presencial das empresas.

Esta reunión terá que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.

En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas.

Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de dous terzos das empresas participantes en cada espazo de encontro.

A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Axudas ás pemes

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares). 

Persoas beneficiarias

Obradoiros

Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia.

Entenderanse como tales para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústers empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia Galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009). 

Axuda ás Pemes

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que for a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.  


Publicación DOG Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
martes, 1 Xuño, 2021
Válido ate: 
xoves, 1 Xullo, 2021