Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas - 2023
- 09/02/2023
- 10/04/2023
-
Etapa
IN848F - Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas - 2023
Data de publicación: 09/02/2023
Data inicio de solicitude: 10/02/2023
Data remate de solicitude: 10/04/2023
Obxecto
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas, destinadas ao financiamento de bonos de innovación.
Nestas axudas diferéncianse tres tipos de bonos que se agrupan nas seguintes liñas:
Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.
Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas a:
Tipo A.Tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador.
Tipo B. Tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais.
Características da axuda
Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos efectuados desde a data de presentación da solicitude e ata o 6 de outubro de 2023.
As actuacións deberán enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 recollidos no anexo VII da convocatoria.
Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación, as actividades que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características:
a) Constituirán unha ou máis actividades que estarán incluídas nunha memoria descritiva (anexo III) que se presentará xunto coa solicitude, que respondan a necesidades xustificadas e cun impacto contrastable na empresa, que permitan consolidar e/ou incrementar as capacidades tecnolóxicas e de impulso da I+D+i da empresa.
b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 15.000,00 € e dun máximo de 50.000,00 €. A presentación dunha proposta cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
c) As actividades realizaranse mediante a contratación de servizos de apoio á innovación.
d) No relativo a novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais, unicamente se admitirán aquelas solucións innovadoras baseadas en (i) interconexión do mundo físico e virtual a través de realidade aumentada, a impresión 3D, a automatización avanzada e robótica, así como a internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos; (ii) sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas a través do tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), e (iii) ciberseguridade.
Liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación. Establécense dúas tipoloxías diferentes:
a) Tipo A. Contratación dos servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións da Seguridade Social de persoal investigador, que conduzan á obtención da cualificación fiscal vía informe motivado vinculante correspondente ao exercicio fiscal 2022. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.
b) Tipo B. Contratación de servizos para a tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.
A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada entidade beneficiaria determinarase sobre o investimento total que se subvenciona e será conforme os límites de intensidade previstos no artigo 28 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, segundo a seguinte táboa:
Modalidade de bonos | Investimento | Subvención | Intensidade máxima |
---|---|---|---|
Liña 1. Apoio á innovación | De 15.000€ ata 50.000€ | De 7.500€ ata 35.000€ | 70 % con carácter xeral, excepto para os custos de protección de coñecemento que será do 50 % |
Liña 2. Xestión financiamento | Sen límite | Máximo 5.000€ |
70% |
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales solicitan a axuda.
Cada unha das liñas que compoñen esta axuda vai dirixa ás seguintes entidades:
Bonos | Entidades beneficiarias |
---|---|
Liña 1. Servizos de apoio á innovación |
Microempresas e pequenas empresas. Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica. |
Liña 2. Xestión do financiamento da innovación |
Microempresas, pequenas e medianas empresas. Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica. |