A Xunta publica unha nova edición dos Premios de Artesanía de Galicia 2021
A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2021, co obxectivo de recoñecer novamente o talento e a traxectoria dos profesionais artesáns galegos. Como en anos anteriores, dividiranse nas categorías Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto, e o prazo de presentación de candidaturas estará aberto desde o 15 ata o 29 de outubro de 2021.
Estes galardóns teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego, e contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.
O Premio Artesanía de Galicia premiará a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.
O Premio Traxectoria ten carácter honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas.
O Premio Bolsa Eloy Gesto fai especial fincapé en potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador.