O DOG publica este venres o terceiro plan de rescate que eleva a 560 millóns as axudas directas postas pola Xunta a dispor de persoas autónomas e empresas

O próximo venres 11 de xuño, o Diario Oficial de Galicia publicará as bases da convocatoria do 3º Plan de Rescate co que a Xunta de Galicia.

Así o anunciou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen avanzou en sede parlamentaria que porá a dispor de persoas autónomas e empresas 234,4 millóns de euros de fondos transferidos polo Estado.

Con estes novos apoios directos do 3º Plan, aprobado en Consello o pasado 2 de xuño, a Xunta de Galicia, a través dos diferentes departamentos, terá posto a dispor de persoas autónomas e empresas máis de 560 millóns de euros en axudas directas. “O Goberno do Estado estivo máis dun ano sen facer ningunha achega”, criticou a conselleira, quen indicou que agora faino “tarde, mal e arrastras, cunha burocracia excesiva e con requisitos que resulta francamente dubidoso que unha gran parte das persoas autónomas poidan cumprir”.

Tamén fixo referencia Lorenzana á baixa contía dos fondos outorgados a Galicia, apenas o 3,34% dos 7.000 millóns transferidos ás Comunidades Autónomas. “Se tivésemos en conta o número de autónomos e empresas radicados na nosa comunidade, corresponderíanos o 7%, 350 millóns de euros”, cuantificou.

Tal e como lembrou a conselleira, a Xunta empregará a capacidade de manobra que lle deixa o Real Decreto-lei co que o Estado regula as axudas para estendelas a todos os sectores de actividade, e non limitalas ás 95 das 629 existentes.

Lamentou, no mesmo sentido, que so poidan ser beneficiarias dos apoios directos as persoas traballadoras autónomas e empresas con débedas pendentes de pago o que, ao seu xuízo, penaliza a quen fixo verdadeiros esforzos para saír adiante. “Os propios autónomos están dicindo que o 40% dos 7.000 millóns non lles chegarán” debido a estes requisitos, lembrou Lorenzana.

A Xunta, neste sentido, chegará a todos os sectores que acrediten alo menos un 40% de caída do volume de operacións, o que amosa a súa afectación real pola pandemia. “Reservamos un 85% dos fondos a autónomos e microempresas, para apoiar a continuidade da actividade empresarial na nosa comunidade respecto deste colectivo que constitúe o 97% do noso tecido produtivo”, manifestou Lorenzana.

O Goberno galego quere axilizar a tramitación dos pagos do 3º plan, minimizando a burocracia, e mediante o adianto do 100% dos importes que correspondan mediante a sinxela presentación dunha declaración responsable.

Nos dous primeiros plans de rescate “levamos executados en pouco máis de 6 meses un total de 182 millóns de euros, atendendo 66.500 solicitudes”, indicou a titular de Emprego e Igualdade na súa intervención. E continuou lembrando que cerca do 50% de todo ese orzamento dirixiuse ao sector da hostalaría: “O 90% dos bares, restaurantes, hoteis e cafeterías recibiron algunha axuda directa de fondos propios da Xunta”.

Para rematar, a conselleira invocou á “dimensión da xestión efectuada nos plans” o que fai que a Xunta leve investidos 416 millóns de euros nos tres plans de rescate que sumarán un total de 126.500 axudas. A estes hai que engadir outros 145 millóns xestionados por diferentes departamentos autonómicos ata un total de 560 millóns en axudas directas extraordinarias para os sectores e actividades económicas máis prexudicadas pola pandemia.