A Xunta incentivará con 6M€ a contratación de ata 1.000 desempregadas a través do programa Muller 22

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria do novo programa Muller 22 que con 6 millóns de euros de orzamento promove incentivos de 6.000 euros para a contratación inicial de ata 1.000 mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo.

O obxectivo desta orde consiste en contribuír á incorporación das traballadoras ao mercado laboral no actual contexto de recuperación.

Para elo, persoas traballadoras autónomas, empresas e entidades de economía social poden acceder aos apoios que se poden destinar á contratación indefinida das mulleres desde o pasado 1 de xaneiro ata o 30 de setembro, ou mediante a modalidade de fixo-descontinuas por un mínimo de 9 meses e xornada completa.

Poderán incorporar así, mulleres desempregadas que deberán figurar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación e que, por tanto, carezan de ocupación.

As entidades beneficiarias das axudas desta orde deberán garantir ademais o pleno cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O prazo de solicitude ábrese o 5 de xullo e terá vixencia ata o próximo 30 de setembro. As peticións deberán formalizarse a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta nova orde de axuda, que se financia con cargo aos fondos Mecanismo de recuperación e resiliencia, enmárcase no Plan Emprega Muller que este ano ten en marcha a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 35,8 millóns de euros que atenden ás necesidades laborais e de formación das mulleres, como colectivo prioritario. Este Plan artéllase en 8 programas específicos que inclúen apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional das mulleres galegas.


Máis información