Lorenzana pon en valor a conexión entre a Xunta e o traballo autónomo no deseño de políticas de apoio ao colectivo para as que xa mobilizou case 57 M€ este 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na mesa sobre políticas públicas a favor do traballo autónomo do IV Foro Emprendedores y Autónomos organizado pola Asociación de Trabajadores Autónomos (ATA), onde destacou a conexión permanente entre a Xunta de Galicia e o colectivo no deseño de políticas e liñas de axuda que lles afectan. Entre outras, esta comunidade puxo en marcha no arranque de este ano un programa pioneiro con medidas para paliar os efectos da inflación entre estes profesionais.

Ante o contexto inflacionista que está a atravesar España, dixo Lorenzana, a Xunta de Galicia puxo en marcha “medidas extraordinarias” como o programa Impacto Autónomo, con axudas coas que se busca minimizar os efectos negativos da subida dos custos das materias primas, das subministracións ou da enerxía na actividade económica das persoas traballadoras por conta propia.

O Goberno galego promoveu esta iniciativa pioneira, que se nutriu da experiencia previa tras artellar, nos momentos máis complicados da pandemia, catro plans de rescate para axudar ás persoas traballadoras autónomas e empresas que peor o estaban pasando.

Lorenzana trasladou ante o foro que a comunidade seguirá a traballar no fomento do traballo autónomo a través doutras actuacións, de carácter ordinario, que se dirixen a apoiar o inicio da actividade por conta propia, pero tamén a consolidar, mellorar a competitividade e favorecer o crecemento dos negocios. Neste sentido, avanzou que tan só os 3 primeiros meses do ano Galicia xa executou máis do 90% do orzamento específico destinado a este colectivo que en global se aproxima aos 62M€ este ano.

Galicia mantén unha conexión permanente co tecido produtivo, para atender as súas necesidades de forma inmediata e evolucionar ao mesmo ritmo. Neste sentido, Lorenzana puxo en valor a Oficina Virtual do Emprego Autónomo, que naceu hai 6 anos como “xanela única” para centralizar a información, achegala ao público e permanecer máis preto das traballadoras e traballadores por conta propia.

A comunidade galega conta ademais coa Mesa do Emprego Autónomo, conformada pola Administración autonómica e os principais interlocutores das asociacións de persoas traballadoras autónomas con maior representatividade en Galicia (ATA, APE y UPTA-Agtamar). É no marco desta Mesa onde se abordan os criterios e requisitos das axudas, subvencións e medidas da área do traballo autónomo, “agora mesmo atopámonos ultimando os traballos da nova Estratexia para o Emprego Autónomo de Galicia”, indicou a titular galega de Promoción do Emprego.

As autónomas e autónomos representan na comunidade galega o 17,3% por cento das persoas traballadoras activas e o 20,65% das afiliacións. Estes datos converten a Galicia na primeira comunidade con maior peso deste modelo sobre o total das afiliacións, 4,17 puntos por encima da media estatal, lembrou Lorenzana.

A conselleira, por outra banda, lembrou que a actual estrutura da Xunta de Galicia contempla de maneira específica unha Dirección Xeral de Apoio ao Emprendemento baixo a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, dous órganos superiores e de dirección encargados do fomento do emprendemento e do traballo autónomo galegos. Entre outras das iniciativas que promoven, subliñou o traballo que fai a Rede de polos de emprendemento e apoio ao Emprego que avalía as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios nos que se desenvolvan, para así, poder dar unha resposta adaptada ás emprendedoras e emprendedores galegos.

No ano 2022 puxéronse en funcionamento 5 Polos que dan cobertura a 140 concellos galegos, case o 50% do territorio (44,7%). Actualmente xa prestan apoio a 195 persoas emprendedoras. Ao longo deste ano está previsto implantar outros sete centros de referencia en distintas localizacións estratéxicas para dar cobertura a todo o territorio, especificou Lorenzana.