Arranca o 4º programa de Mentoring co que a Xunta apoiará a máis de 200 autónomos a transformar os seus negocios e adaptalos ás necesidades do mercado
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no acto de apertura da cuarta edición do programa Mentoring Traballo Autónomo no que este ano participan máis de 200 persoas traballadoras autónomas dispostas a adaptar ou transformar os seus negocios.
“O mentoring desenvolve o potencial de cada persoa para convertelo en talento, xerando un mercado laboral máis forte e unha Galicia con máis oportunidades”, indicou o secretario xeral, quen indicou que os resultados avalan o beneficio desta metodoloxía que se basea na relación de confianza entre o titor e a persoa acompañada.
Tal e como detallou o secretario xeral, este mecanismo permite reducir o risco que asumen as persoas traballadoras que se decantan polo auto emprego e garante un acompañamento no proceso de consolidación dos seus negocios, permitíndolles incrementar os seus contactos profesionais, así como a súa actividade económica.
O cuarto programa que hoxe arranca, e para o que a Xunta conta coa colaboración da Fundación Ronsel, diríxese, especificamente, a persoas traballadoras autónomas que están en proceso de adaptar ou transformar os seus negocios para dar resposta ás necesidades do mercado e á situación actual.
Perfil das persoas participantes
Un total de 212 participantes forman parte desta convocatoria, que se desenvolverá ao longo dos próximos 12 meses.
A maior parte das persoas participantes proceden das provincias da Coruña e Pontevedra, son mulleres, con estudos universitarios ou de mestrado e dun tramo de idade comprendido entre os 30 e os 49 anos.
Os negocios dos mentorizados superan os 42 meses e, por sectores de actividade, pertencen ao sector de servizos, con carácter xeral. Adoitan solicitar o apoio do programa para optimizar a comunicación e o márketing e mellorar as vendas, a xestión administrativa e de finanzas e a dirección, estratexia e planificación.
“Apoiar a consolidación da actividade económica das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e á situación actual, é contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e a súa actividade económica”, indicou Fernández.
Este programa axudou en 2022 un total de 200 profesionais autónomos de Galicia. O 90% das persoas que tomaron parte na edición pasada afirmaron que a súa empresa mellorou “moito ou bastante” nas áreas nas que recibiron apoio por parte das persoas mentoras.
Nas sucesivas edicións deste programa, que se celebra con carácter anual desde 2020, tomaron parte un total de 844 persoas beneficiarias. Co investimento deste ano (250.000 euros) acádase unha contía global dun millón de euros nas catro convocatorias.
Este balance “avala a importancia de levar a cabo medidas como este programa Mentoring Traballo Autónomo, que nos demostra como a través do mentoring se consegue mellorar a competitividade dos autónomos, un colectivo prioritario para a Xunta de Galicia”, indicou o secretario xeral.