Publicadas no Diario Oficial de Galicia as axudas de promoción do emprego autónomo por 29 M€ para 2024, que inclúen a cota cero para novas altas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do programa de axudas á promoción do emprego autónomo que, dotado con 28,9 millóns de euros, inclúe unha partida de 9,6 millóns para financiar ao 100% a cota reducida das novas persoas traballadoras autónomas durante os 12 primeiros meses de actividade. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nun encontro coa asociación Compostela Monumental, no que expuxo estes apoios cos que a Administración autonómica segue a impulsar o traballo por conta propia, por representar un papel clave na economía galega como xerador de riqueza e de emprego.
A Orde de 2024 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade prevé achegas máximas de case 8.000 euros para persoas desempregadas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia como traballadoras autónomas. Trátase de axudalas a facer fronte aos gastos xerados no comezo e mantemento do negocio, dixo Rivo.
Poden ser beneficiarias das achegas as persoas que cursen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024.
A Xunta prevé nesta convocatoria dúas liñas de apoio compatibles entre si: a primeira para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos, e a segunda coa que se garante a cota cero durante doce meses de actividade.
Para optaren á primeira das liñas, as persoas beneficiarias deben estar inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos, carecendo de ocupación efectiva na data de inicio da actividade, que se ten que ter producido con anterioridade á solicitude. Deberán contar con domicilio fiscal en Galicia e non ter altas rexistradas como autónomo nos tres anos anteriores.
As contías deste apartado van dos 2.000 euros básicos para persoas desempregadas en xeral, ata os 4.000 no caso de que se trate de persoas menores de 30 anos, paradas de longa duración, con discapacidade, dependencia, en exclusión social, emigrantes retornadas e estranxeiras ou maiores de 52 anos. Haberá un incremento extra do 15% se a autónoma é muller ou o centro de traballo está no rural, entre outros supostos.
Para acceder á liña dous, que garante a financiación íntegra da cota reducida á Seguridade Social (coñecida como "tarifa plana") durante os doce primeiros meses, as persoas autónomas deberán ser beneficiarias da cota reducida no momento de presentación da solicitude. A contía neste caso ascende a 960 euros, o equivalente ao pagamento do importe mensual reducido multiplicado polos 12 primeiros meses de alta.
O orzamento global, 28,9 millóns de euros, distribúese en 19,3 dirixidos a financiar a liña de inicio da actividade económica e outros 9,6 para dar soporte a esa cobertura prevista para a cota cero de todas as novas persoas autónomas. O investimento está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus: Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
O prazo de solicitude abrirase o próximo 16 de xaneiro e estará vixente ata o 30 de setembro de 2024.
Estas medidas teñen encaixe na estratexia recentemente aprobada polo Consello da Xunta o pasado novembro: Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027. O marco pretende fortalecer o ecosistema competitivo do traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos ata 2027, especificou a conselleira.
A Xunta traballou da man das principais entidades do colectivo representadas na Mesa do Emprego Autónomo (UPTA-Agtamar, ATA e APE) no deseño de cada unha das medidas.
Tal e como remarcou a titular de Promoción do Emprego, a Axenda conta con máis de 360 millóns de euros de orzamento para potenciar a calidade dos novos proxectos e facelos máis competitivos.