Rivo informa das axudas ás persoas autónomas para apoiar con 9,5m€ a consolidación dos negocios e dar novas oportunidades aos que cesaron a súa actividade
O Diario Oficial de Galicia publica dous novos programas de axudas ao emprego autónomo que suman 9,5 millóns de euros, dos que informou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, no inicio da VI Semana do Emprendemento da Escola Profesional Santo Cristo que se celebra en Ourense.
Rivo destacou nesta provincia, cunha gran tradición para emprender, que a Xunta apoiará este ano con ata 7.000 euros ás persoas traballadoras autónomas que teñan unha antigüidade superior aos 42 meses para que poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva. Neste programa (Bono Autónomo), a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá 8 millóns de euros. Trátase dunha axuda que se realiza a través dun pagamento único no momento da presentación das facturas e que ten por obxecto a mellora da competitividade empresarial ou profesional.
Este bono cofinancia o 60% do custo dos servizos de apoio e os investimentos cun límite de 7.000 euros. A Xunta estima poder beneficiar unhas 3.200 persoas traballadoras por conta propia este ano con esta iniciativa. Entre outros, finánciase a compra de maquinaria, utillaxe e ferramentas, reformas do local, adquisición de equipos informáticos, rótulos ou deseño de marca. Poderán financiarse os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro e ata o 30 de setembro de 2024, cando remata o prazo de presentación de solicitudes.
Doutra banda, a conselleira salientou as bases da convocatoria do segundo programa publicado no Diario Oficial de Galicia (Bono Nova Oportunidade) co que se apoia ás persoas traballadoras autónomas que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade. Destínase a esta iniciativa 1,5 millóns de euros, o que permitirá conceder apoios de 7.500 euros para a posta en marcha das novas empresas, que se incrementerán en 500 euros no caso de mulleres. A previsión é beneficiar unhas 200 persoas. Do que se trata é de apoiar a volta ao emprendemento daquelas pesoas traballadoras que tiveron que pechar os seus negocios por causas económicas.
Para optar a estes apoios as persoas traballadoras autónomas deberán, entre outros requisitos, estar en situación de desemprego e ter sido empregadas por conta propia nos últimos tres anos. O prazo de solicitude destes apoios ábrese o 23 de xaneiro e rematará o vindeiro 31 de outubro.
Rivo sinalou a importancia de difundir os programas destinados a fortalecer o emprego autónomo e de visibilizar os beneficios do emprendemento como fórmula de éxito en Galicia, alternativa ao traballo por conta allea, e dar a coñecer os recursos que existen na comunidade galega para comezar esta andadura.
Así mesmo, no acto, sinalou tamén que é clave acercar os futuros traballadores á realidade sociolaboral porque, nas súas palabras, as futuras xeracións sairán mellor preparadas para afontar o seu futuro profesional cunha visión máis ampla do contexto sociolaboral que lles rodea.