A Xunta destina preto de 4,2 M€ ao novo programa de 1ª experiencia profesional para impulsar a contratación de menores de 30 anos nas empresas galegas

O Diario Oficial de Galicia publica o novo programa 1ª experiencia profesional co que a Xunta incentivará a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens coa previsión de incorporar entre 250 e 410 persoas en toda a Comunidade. Así, cun orzamento global próximo aos 4,2 millóns de euros e con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada apoiarase a empregabilidade da mocidade mediante contratos formativos de doce meses de duración, dotándoa de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.

Trátase dunha das medidas anunciadas polo presidente Alfonso Rueda para os primeiros 100 días da lexislatura. En virtude desta nova orde, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración busca mellorar a empregabilidade deste colectivo prioritario nas súas políticas, contribuíndo a reter o talento xuvenil en Galicia. Neste caso, trátase dun programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.

Co propósito de atender as necesidades específicas de emprego no tramo de idade de menores de 30 anos, artéllanse dúas liñas concretas de axuda: a primeira, para contratar persoas mozas con titulación ou certificación profesional; e a segunda, para brindar unha oportunidade tamén a quen carezan de cualificación profesional recoñecida.

En ambos os dous casos, os contratos formativos que se concerten deben ir dirixidos a menores de 30 anos que residan en Galicia e que se atopen en situación de desemprego e con inscrición no Servizo Público de Emprego. Así, facilitaráselles un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego abrindo camiño á súa inserción laboral xa que, unha vez rematado o proceso, contarán coas competencias para poder acceder a un emprego estable.

Coas axudas dáse cobertura aos custos salariais dos postos, con contías que van dos 9.975 euros aos 16.625 segundo ese criterio. A esas cantidades, hai que sumar as destinadas á formación en competencias brandas, 1.700 euros no caso de ser presencial e 850 euros en formato de teleformación.

Cómpre engadir que as empresas interesadas en optar ás axudas terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde o día 23 de maio ata o 30 de setembro de 2024 ou ata esgotamento de crédito.

O programa forma parte do paquete de medidas da Xunta para o fomento do emprego xuvenil, unha firme aposta con políticas deseñadas especificamente para este sector de poboación.


Máis información