Axudas para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos - 2024
- 22/05/2024
- 30/09/2024
-
Etapa
TR353C - Axudas á para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos - 2024
Data de publicación: 22/05/2024
Data inicio de solicitude: 23/05/2024
Data remate de solicitude: 30/09/2024
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar a convocatoria das subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a persoas mozas menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos.
A convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, dotándoas á vez de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego, promovendo a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.
Características da axuda
As empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.
b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán subscribirse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.
Serán subvencionables ao abeiro deste programa:
- As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.
- As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude de axudas, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos.
O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables será desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.
No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, o 15 de outubro de 2024.
Igualmente, serán subvencionables ao abeiro deste programa os incentivos á formación en competencias brandas de cada unha das persoas que sexan contratadas ao abeiro desta convocatoria cunha duración mínima de 50 horas.
A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:
a) Incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa:
a.1. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
a.2. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
a.3. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
b) Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 50 horas:
b.1. 1.700 € para formación presencial, IVE excluído.
b.2. 850 € para teleformación, IVE excluído.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas e empresas beneficiarias as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.