A Xunta impulsa o emprendemento con encontros nas catro provincias galegas da man de 240 axentes deste ámbito e de máis de 160 startups da comunidade

A Xunta de Galicia en colaboración coas confederacións empresariais de Ourense, A Coruña, Pontevedra e Lugo, promoverá a celebración de encontros de emprendemento nas catro provincias galegas no marco do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Os detalles desta iniciativa abordáronse esta semana nun encontro entre o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e os presidentes das confederacións de Ourense, María Sol Novoa; A Coruña, Antonio Fontenla; Pontevedra, Jorge Cebreiros, e Lugo, Jaime Luis López. Na xuntanza tamén estiveron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.

Este programa contará coa participación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras cun impacto no desenvolvemento socioeconómico de Galicia e nela poranse en valor 16 casos de éxito. Deste xeito, busca incentivar ás persoas emprendedoras e axentes do ecosistema a impulsar a súa actividade creando sinerxías e identificando retos para atopar solucións conxuntas para o territorio galego co apoio da innovación e para contribuír á creación de emprego e a fixar poboación, especialmente no ámbito rural.

Realizarase un evento por provincia. O primeiro terá lugar o 18 de setembro na de Ourense, o da Coruña celebrarase o 24 de setembro, seguido do de Pontevedra, que será o 25 de setembro, e o de Lugo, programado para o 26 de setembro.

Cada un deles desenvolverase en dous bloques:

Un deles é o campus startups no que, a través de conferencias, networking, presentacións de casos de éxito, mesas redondas e unha competición de iniciativas emprendedoras se busca identificar e mapear as empresas de recente creación e outras iniciativas emprendedoras innovadoras e dar soporte aos proxectos para a busca de financiamento, entre outros fins.

O segundo bloque é o de retos e solucións para un territorio intelixente e ten como obxectivo identificar os sectores estratéxicos da provincia e os seus retos, así como ás empresas tractoras destes sectores estratéxicos e mapear os axentes do ecosistema da provincia. Para iso incluirá mesas de traballo nas que se abordarán cuestións de diferentes sectores.

Posteriormente, entre outubro e novembro e co apoio da Confederación de Empresarios de Galicia, celebrarase un encontro a nivel autonómico. As persoas interesadas poden obter máis información sobre este programa na seguinte ligazón:

Ultreia Galicia

O programa Ultreia Galicia contribuirá a reforzar a actividade da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o mapa de emprendemento da Xunta -medidas que levaron a Galicia a obter por parte da Unión Europea o recoñecemento de Rexión Emprenderora Europea- así como a dinamizar as startups galegas. Forma parte da aposta do Goberno galego pola creación de novos negocios e o desenvolvemento de proxectos innovadores que fomenten o emprego de calidade e que favorezan a dinamización e vertebración do territorio.